Os que nacemos en Mondoñedo somos uns afortunados, diría aínda máis, uns privilexiados. Nacemos nun pobo que hai séculos xa se decantou por cultivar a palabra. Neste val, nesta campía mindoniense, nesta vella cidade galega sementamos verbas, cores e pentagramas e recolleitamos versos, poesías, historias, libros, música, sons e pintura. En case todas as casas deste pobo hai algún libro de Leiras, Noriega, Lence, Jácome, Marina Mayoral, Cunqueiro, Rosalía… e sucede que nalgún momento da nosa vida decidimos lelo. Ese día abríusenos unha ventá ó mundo e entendemos por que cantan os paxaros ó amencer ou entre o lusco e fusco, ou por que desaparece a luz ó atardecer. Ese día entendemos o misterio das pequenas cousas (a escoitar o silencio, a fermosura das bolboretas de ás douradas, o amor, a amizade…); entendemos a grandeza do noso pobo, que en cada esquina nos ten gardado unha ledicia (miña casiña, meu horto / meus caxigos, meus loureiros/ partenme a ialma o deixarvos/ pro non teño máis remedio) [1]; entendemos mellor a vida e polo tanto o mundo. Un exemplo témolo en Á. Cunqueiro, a quen o goce das pequenas cousas cotiás lévao a valorar o mundo. Nun deses regresos á súa casa escribe:
Mondoñedo aportou a Galiza e á Humanidade cultura, non en van tres dos nosos escritores foron merecentes de dedicarlles un día das Letras Galegas: Noriega Varela, Leiras Pulpeiro e Á. Cunqueiro. Non se trata de competir con ninguén (alá cadaquén coas súas teimas), senón de explicar por que aquí e por que non alí ou acolá, se produciu este feito cultural, pois tamén noutras vilas e cidades teñen catedral, mosteiro ou seminario, como en Mondoñedo.
En parte, xa o explicou o doutor D. H. Cal Pardo no seu traballo “Cantores do Nadal”, dos que termina dicindo:
“Pero a súa verdadeira importancia apréciase se se considera na súa proxección de futuro. Eles foron os pioneiros dun movemento que xa non se deterá, os precursores dunha pleiade de poetas mindonienses que van escribir en galego a súa abundante producción literaria. O seu influxo vaise deixar sentir máis alá das nosas fronteiras: toda Galicia vai acoller con ledicia e entusiasmo a súa mensaxe e traducirao en rica colleita literaria, en xeral, e poética, en particular. Na base desa gran torre formada pola literatura auténticamente galega que florece a finais do século XIX e comenzos do século XX, atópanse, como semente, a punto de abrirse en flor, os Cantores mindonienses do Nadal”. [3]
Así é. Que aquí floreceran escritores e cultivasen unha literatura vernácula débese, sen lugar a dúbidas, ós Cantores do Nadal. Porén, dende a miña humilde opinión, hai dous feitos máis que se deben ter en conta para explicar este fenómeno artístico e literario mindoniense.
O primeiro está vencellado exclusivamente coa catedral. O primeiro documento que se conserva no arquivo catedralicio data do 4 de xaneiro do ano 871 [4], é dicir, no século IX aquí, en Mondoñedo, había xente que sabía ler e escribir. E a maior parte dos documentos medievais da catedral (séculos XII, XIII, XIV e XV), que son moitos, están escritos na única lingua que se falaba entón nesta terra, o galego. E os que os escribían vivían e convivían neste pobo e o saber, coma o vento, flúe e transmítese.
Tamén sabemos que no século XV, cara a 1430, estivo de xuíz o gran novelista Juan Rodríguez del Padrón, pois na súa novela Siervo libre de amor escribe:
Johan Rodríguez del Padrón, el menor de los dos amigos eguales en bien amar, al su mayor Gonçalo de Medina, juez de Mondoñedo, requiere de paz y salut (SLA 67);
e a pé de páxina dísenos “Gonçalo de Medina, juez de Mondoñedo, ocupó la vacante de Rodríguez del Padrón cuando este ingresó en la Orden franciscana”. [5]
Lembremos igualmente que o mariscal Pardo de Cela outorga testamento en Mondoñedo o 1 de outubro de 1483, perante o notario Pedro López. [6]
Vemos, pois, que xa no século XV había en Mondoñedo toda unha armazón social culta, de profesionais como notarios, xuíces, avogados, médicos…, así como todo un estamento relixioso douto, formado polos curas e cóengos da catedral.
Sabemos tamén que a imprenta, que foi inventada por J. de Gutemberg en torno ó 1440, instálase a finais deste século XV ou principios do XVI en Mondoñedo, talleres dos que sae en 1550 ese libro tan coñecido da Descripción del Reino de Galicia, do licenciado Molina. É moi probable que saíra das prensas desta imprenta, en follas voandeiras, o famoso Cantar do Mariscal ou Pranto pola Frouseira (ano 1484):
A min chaman toda Mira
Senora do gran tesouro,
Por estrela esclarecida,
Gajo neste Valedouro.
De min a triste Frouseyra,
Que por treyçon foy vendida,
Derribada na ribeyra
Ca jamais se veo vencida,
Mas tredor foy que vn mouro
O vilao que me vendeo,
Que de Lugo á Ribadeo
Toudos me tinan temor.
Por treyçon tamben vindido
Iesus nosso Redentor,
E por aquestes tredores
Pedro Pardo meu Señor.
Sobre estes romances ou cantigas quero dicir
dúas cousas: a) É innegable que o seu autor ou autores proceden desta zona,
entre Ferreira e Mondoñedo, e aínda aventuro a manter a hipótese de que era de
Mondoñedo, pola carga tan relixiosa que amosa ó comparar a morte do Mariscal
coa de Xesús Cristo “Por treyçon tamben vindido / Iesus nosso Redentor, / E por
aquestes tredores / Pedro Pardo meu Señor” (e noutro romance dise: “daqués
malvados criados, / que noso Deus lles dará / a xusta paga e premio / de haber
feito tan gran mal. / A Deus darán conta todos / que lles queira perdounar”);
así como polo fin que perseguían estes romances, de ser recitados en festas e
romarías, probablemente compostos, pois, para ser cantados nas dúas grandes
festas mindonienses: as Quendas e San Lucas. E b) temos a honra de conservar o
primeiro texto de literatura popular escrito en galego. E ó que vou: isto demostra
que en Mondoñedo daquela xa había afección a poetizar e, por suposto, a
escribir.
- Detalles
- Categoría: Con voz propia