Tralo féretro o abade de Beiro, amoucado, enxugaba a cada pouco a fronte e a caluga co pano da man, fungaba abafado e, mentres cataba a desolación dos campos que percorrían, bisbaba: “Non, en Madrid xamais debía de ser soterrado”. Acompañaba Basilio Álvarez, como un galego máis, o cadaleito de Pascual Veiga dende a casa da rúa Marqués de Urquijo, onde vivira, ata o cemiterio da Almudena. O sol de xullo varría os secos ermos e erguía unha poeira nos campos abertos de Las Ventas. A comitiva fúnebre seguía en silencio a carroza que portaba o cadaleito do músico e o propio silencio absorbía as pegadas dos acompañantes. Nada daquela paisaxe casaba coa Alborada, advertiu o crego agrarista de verbo aceso e, mentres pousaban o ataúde na foxa e deitaban sobre el as primeiras padas, maliciou que alí, en Madrid, a terra non lle ía ser leve.

Casa Natal de Pascual Veiga

      A rúa dos Templarios descorre ó carón do muro norte da catedral de Mondoñedo. Dálle (habería que dicir mellor que llo daba) o nome unha construción coñecida como a Torre, probablemente do século XVI, que conserva gravada nun dos seus linteis a cruz daquela orde. A primitiva construción ampliouse cunha posterior edificación erguida no soar dianteiro e comunicada con ela. Na actualidade a casa está sinalada co número 11 e nela naceu, o 9 de abril de 1842, Pascual Manuel Francisco Veiga Iglesias, fillo de Manuel María da Veiga e Josefa Iglesias. A rúa, hoxe, leva o nome do compositor.

      Cando contaba dez anos ingresou como neno de coro na capela de música da catedral, na que permanecerá ata 1864. Débelle a súa primeira formación musical ó mestre da capela José Pacheco, quen o presentara ó cabido para a praza, como sete anos antes fixera co seu irmán Manuel María da Veiga.

     En 1856, co consentimento de Pacheco, inicia a aprendizaxe do órgano da man de Rafael Tafall Abad, titular do beneficio de organista. Ó trasladarse este á catedral de Santiago, optou á praza vacante malia non ter a idade mínima requirida na convocatoria da oposición, como tampouco a acadaba outro dos pretendentes, o lugués Xoán Montes. Ambos os dous foron admitidos a título de meritorios, sen posibilidade ningunha, xa que logo, de conseguir a praza, mais só Pascual Veiga chegou a realizar os exercicios, celebrados en febreiro de 1862, que se lle aprobaron. Obtivo o beneficio de organista Nicolás Coronas, e Veiga, que canda o seu compañeiro Antonio López probablemente desempeñara o cargo durante a vacante, substituirao nas súas ausencias e enfermidades.

      Ó ano seguinte convócanse oposicións a organista para a colexiata de Covadonga. Veiga obtén permiso do cabido para ausentarse da capela e concorrer ós exercicios, que mesmo chega a aprobar, mais desta volta tampouco logrou a praza.

      O 18 de xaneiro de 1864 Pascual Veiga diríxese ó cabido co fin de que se lle consinta deixar a capela de música mindoniense para instalarse na Coruña, onde lle ofrecen o devecido emprego de organista. A colexiata daquela cidade sinálalle uns emolumentos de 10 reais diarios, cantidade ben superior á que percibía en Mondoñedo. E se ben a mellora pecuniaria resultaba atractiva para un home que sempre abaneará entre a pobreza e a miseria, non parece que as razóns económicas foran o único motivo polo que Veiga desexaba marchar da cidade episcopal. O cronista Eduardo Lence-Santar, autor dunha inédita e desaparecida biografía de Veiga, reitera en diversos traballos sobre o compositor a decisión deste de abandonar Mondoñedo para sempre e infórmanos dos seus motivos: a consecuencia dun noivado rexeitado pola acomodada familia da moza, parentes desta e outros influentes individuos achegados á familia, promoveron unha inaturable campaña de descrédito da insignificante figura de Veiga, quen xurou que xamais volvería pisar Mondoñedo. E así foi, cando menos mentres viviu.

     Instalado na Coruña, compaxinará o seu emprego como organista da colexiata (da que refundará a súa capela de música en 1875), co ensino do piano a particulares e, dende 1888, co de profesor de solfexo na Escola de Belas Artes, dependente esta da Deputación Provincial. Son pequenos traballos que malamente dan para sacar adiante unha familia numerosa. En 1892, se cadra coa intervención do ministro canovista Aureliano Linares Rivas, obterá praza no Conservatorio de Música, en Madrid, onde fixa a súa residencia.

     Ó longo da súa vida Veiga despregou unha intensa actividade como impulsor e director de agrupacións corais. Ó ano da súa chegada á Coruña aparece dirixindo a coral da sociedade Fraternidad Juvenil, e sucesivamente ira fundando e dirixindo os orfeóns Brigantino, Coruñés, El Eco e Coruñés nº 4. En Madrid dirixirá cando menos outros dous orfeóns: o Matritense e o do Centro Galego.

     Con estes orfeóns acude ós certames musicais organizados por toda Galicia, acadando sonados éxitos e suscitando non menos estrondosas polémicas. Co Coruñés nº 4, e con obras case todas elas da súa autoría, compite coas mellores corais do mundo na Exposición Universal de París de 1889, na que o coro obtén o 1º premio e suponlle ó seu director a condecoración de oficial da Academia, outorgada polo goberno da República Francesa.

Himno Galego     Aínda que se lle ten achacado a Veiga ser autor dunha única obra, a Alborada Galega (1880), que abondaría por ela soa para inmortalizalo, o mindoniense foi un compositor prolífico. Descoñecida para moitos aínda a existencia do Himno Galego (do que asina a partitura en 1890), os seus coetáneos consideraron a Alborada a máxima representación musical e emocional das esencias de Galicia, unha composición a modo de himno non oficial, que concitaba baixo os seus compases a aquiescencia de todos os sentimentos e vontades dos galegos e que se interpretaba nas ocasións solemnes nas que, dende 1907, se executa o Himno. Tapia Rivas foi moi elocuente ó respecto: “Veiga fixo coa súa Alborada a prol da dignidade e rexeneración de Galicia moito máis do que lexións de xentes que sen esas inspiracións pretenderon redimila”.

     Autor de música relixiosa, da que dera temperás mostras en Mondoñedo e na que se aplicaría máis tarde na colexiata da Coruña; de festivas composición para comparsas de Entroido, de valses, muiñeiras, mazurcas, barcarolas,... o músico mindoniense legounos, alén das dúas xeniais obras, unha manchea de partituras tituladas Galegos. ¡A nosa terra!, Os ártabros, Una noche en Nápoles, La escala, A los doce años, Recuerdo a Mr. Percire, As artes, El canto del pescador, Alborada nº 2,... Algunha delas aínda permanecía inédita á morte do compositor.

      Pascual Veiga, aquel home miúdo, soturno, case misántropo, ás veces soberbio e ás veces menosprezado, picado polo tabán da bohemia e sempre malquerido da fortuna, en palabras de María de los Ángeles Vázquez “naceu artista e naceu pobre, ... viviu, loitou, e vencido pola sorte, seguiu sendo pobre”. Morreu en Madrid. Fíxoo o 12 de xullo de 1906.

Texto de Noriega Varela en La Voz de Mondoñedo      O presentimento de Basilio Álvarez respecto o inadecuado que resultaba o cemiterio madrileño para albergar os restos de Veiga era, en verdade, un clamor popular. Dende as páxinas do semanario La Voz de Mondoñedo, dende as que se informa do pasamento do músico, o poeta Noriega Varela chama á subscrición popular para soterrar a Veiga, a quen emparella con Añón, tanto por ter morto na indixencia como pola súa condición de precursor.

     Recollen a iniciativa os galegos residentes en Bos Aires. Dous meses despois do seu pasamento constitúese na cidade porteña unha comisión denominada “Homenaxe a Pascual Veiga”, co fin de recadar fondos para trasladar os restos do compositor mindoniense á súa cidade natal, onde se proxecta erguer un mausoleo no que se quere gravar “unha inscrición cariñosa e sincera que exprese a dor dos galegos ausentes por tan sensible perda”. A comisión será presidida polo mindoniense José María Miranda Luaces, presidente ademais da sociedade Mindonienses na Arxentina, e constituída por Pascual Robles, presidente do Círculo Galego, o músico Egidio Paz Hermo, Rafael Mallo, presidente do Orfeón Galego, Francisco Galván, presidente do Orfeón Galego Primitivo, Luís López Páez, presidente de Fillos de Betanzos, e Paredes Rey, delegado do Centro Galego de Avellaneda. Os presidentes das sociedades galegas e os directores dos xornais españois foron designados vocais, e considerouse conveniente concitar a axuda dos galegos en Montevideo e Asunción do Paraguai.

     A comisión acordou celebrar unha gran velada na que participasen todas as corais galegas existentes en Bos Aires, xuntas baixo a batuta de Paz Hermo, e destinar a recadación a engrosar a subscrición prevista entre os galegos na Arxentina para honrar a memoria de Veiga. O acto tivo como escenario o teatro Victoria de Bos Aires e a data escollida foi o 31 de outubro de 1906.

     Case un ano despois, o 8 de xuño, a sociedade Orfeón Mindoniense organiza así mesmo outra velada conmemorativa en memoria do compositor mindoniense. Os textos lidos naquela ocasión foron recollidos, a instancia de Fernando Lorenzo, na publicación bonaerense Alborada, revista creada para a ocasión e que tirou ese único número.

     Entre mentres en Cuba outro mindoniense, José María Salgueiro, insta ó Centro Galego a promover unha homenaxe ó autor da Alborada, asemade co propósito de recadar fondos para trasladar os seus restos a Mondoñedo e erixirlle un mausoleo. A velada artístico-literaria celebrarase o 20 de decembro de 1907 e, alén da interpretación musical de obras de Veiga, Chané e Montes, contou co recitado polo propio autor dun poema de Curros Enríquez escrito para a ocasión e a presentación do busto do artista, obra de Mariano Miguel. Nesta velada interpretouse por vez primeira publicamente o Himno Galego, executado pola banda Municipal da Habana baixo a dirección de Guillermo Tomás.

      Mais haberá que esperar a 1911 para que se retomen os traballos do traslado dos restos a Mondoñedo. Un artigo de Alfredo Vicenti na prensa madrileña alerta de que ó estar próximo o quinto cabodano da morte do compositor, os seus restos corrían a sorte de ir a dar á fosa común. Nunha xuntanza mantida en xuño polos lucenses no Centro Galego de Madrid, o seu presidente, Venancio Vázquez, fai fincapé na continxencia advertida por Vicenti, e un dos presentes, o concelleiro Vilariño, informa das xestións levadas a cabo por el mesmo logrando do concello madrileño a prórroga do prazo. Ese mesmo mes o concello de Madrid aprobará unha proposición concedendo sepultura gratuíta a Veiga para que as súas cinzas non se perdan na fosa común.

      Xurde daquela, seica, un problema de coordinación que no seu momento espertará susceptibilidades entre os galegos en Arxentina e os residentes en Cuba, e nomeadamente entre os mindonienses. Mentres en Bos Aires o presidente da comisión creada no seu momento, Miranda Luaces, en entrevista a primeiros de setembro con José R. Lence, di dispoñer de 3.889 pesos arxentinos para a homenaxe a Veiga,  e manifesta estar á espera de noticias da comisión formada na Habana coa mesma finalidade, que ten reunidos 1.600 pesos, o presidente do Centro Galego da cidade antillana, o 10 de setembro, xira á orde de Alfredo Vicenti a cantidade de 7.874 pesetas para proceder a trasladar a Mondoñedo os restos de Veiga. Na carta que lle dirixe informa de que o diñeiro procede da recadación da velada mantida en decembro de 1907, depositado na Caixa de Aforros dos socios do Centro Galego mentres non se coordinaran cos bonaerenses, dos que non tiñan novas ningunha. Pregábanlle ó destinatario, pois, que en coordinación con Miranda Luaces e o Centro Galego en Madrid, procedese ó traslado dos restos.

      En decembro daquel ano o concello mindoniense designou unha comisión encargada de preparar os actos do traslado. Formábana o tenente de alcalde Alejo Ferreiro, como presidente, e os concelleiros Ramón Martínez-González Insua, Antonio Paredeiro Cavado e Víctor de Silva Posada. Canda eles foron nomeados os directores dos periódicos locais: César González-Seco, por Mondoñedo, Dodolino Trigo, por La Voz de Mondoñedo e Manuel Vázquez, por El Cruzado, que delegou no redactor Antonio Maseda Romero. Este último xornal abandonará a comisión pouco despois por desavinzas co director de Mondoñedo.

      A primeira xuntanza desta comisión realizouse o 3 de xaneiro de 1912 e nela determinouse celebrar solemnes funerais na catedral, xestionar que unha prestixiosa banda de música asistira á condución dos restos e demais actos que se dispuxeran, organizar un orfeón que entoase a Alborada ante os restos do seu autor, preparar unha gran velada no Teatro do Casino e, no caso de que os fondos reunidos en Cuba e Arxentina abondasen para a súa organización e sostemento, crear unha escola de música. Agás isto último, que non pasou de mero proxecto, o resto dos acordos daquela primeira reunión constituíron os actos que en honra de Veiga se celebrarían en setembro.

      En xuntanzas posteriores irase perfilando a homenaxe. Así, o bispo Solís compromete, no seu nome e no do cabido,  facer as honras fúnebres na catedral coa maior solemnidade e sen custo económico ningún para a comisión, e o deán de Santander, o galego Manuel Gómez Adanza, ofrécese para pronunciar a oración fúnebre. A determinación da data para o traslado dos restos e os festexos con que se acompañarían deixouse ó criterio de Alfredo Vicenti, Montero Villegas, deputado a Cortes por Mondoñedo, e representantes do Centro Galego de Madrid.

     No tocante á banda de música, a comisión optou por recorrer á subscrición popular para sufragar o seu custo. Vicenti escribira á comisión dicindo que co diñeiro remesado dende América aboaríase a viaxe a Mondoñedo del mesmo, do representante do Centro Galego de Madrid e doutros acompañantes, pero, para desesperación dos comisionados, nada se dicía do diñeiro que podían dispor os mindonienses para organizar os actos na cidade. Aínda a fins de xullo a comisión non decidira, pois descoñecía con que cantidades contaba, se viría ou non unha acreditada banda de música. Ó final foi a do rexemento de Isabel a Católica a que concorreu ós actos.

Panteón de Pascual Veiga     Respecto o panteón que acollería os restos do compositor, a comisión determinara informarse de prezos e pedir planos. O concello mindoniense, en sesión de novembro de 1911, resolvera ceder no cemiterio municipal o terreo necesario para emprazar o mausoleo, ó carón da escaleira central. Ó cabo, o proxecto encargóuselle a Ramón Martínez-González Insua, membro da comisión, e foi executado en mármore de Sasdónigas por Constenla. Ó seguinte día de Veiga recibir nel sepultura definitiva, mesmo aínda sen ter rematado as obras do mausoleo, Alfredo Vicenti fixo entrega ó concello, en nome dos galegos na Habana, de 3.000 pesetas para custear a súa construción. As deputacións de Lugo e da Coruña achegaron outras sumas menores. Na inscrición do mausoleo fíxose constar que se procedera ó traslado dos restos por iniciativa de galegos en Bos Aires e Cuba, e que estes últimos o sufragaran.

      Xa que nese momento non había en Mondoñedo orfeón ningún constituído e en activo, a comisión considerou necesario organizar ex profeso unha masa coral que contribuíra ó lucimento dos actos en honra do músico e que, concretamente, interpretara a Alborada Galega. Para a súa organización pensouse en Mariano Casares, organista da catedral. O propio bispo Solís dera o seu beneplácito para que este o ensaiara e dirixira. Mais Casares, por moito que se lle insistiu e pregou, non aceptou o encargo. A mes e medio da celebración dos actos non había determinación ningunha sobre a súa constitución e o Orfeón Galego, de Lugo, ofrécese a participar nos actos desinteresadamente, a cambio só das custas da viaxe.

      Porén Mondoñedo contou na homenaxe cun orfeón de seu. Organizouno para a ocasión e dirixiuno José Castañeda Jurado. A actuación exitosa animou ós compoñentes a constituílo formalmente. En xuntanza de 30 de setembro, xa pasados os festexos, os orfeonistas deciden comisionar a algúns dos seus membros para redactar un regulamento. A nova masa coral recibirá o nome de Orfeón Pascual Veiga e prevía presentarse oficialmente ó público o día de Todos os Santos, interpretando no cemiterio, perante o mausoleo de Veiga, o “Libérame”, de Pacheco.

      O 16 de setembro de 1912 exhúmanse no cemiterio madrileño da Almudena os restos mortais de Veiga, que se depositan nunha arca de madeira de carballo. Ó seguinte día parten para Mondoñedo acompañados, entre outros, por Montero Villegas, Alfredo Vicenti, Gerardo Doval (comisionado polo Centro Galego en Madrid) e Santiago Román Prieto (en representación das fillas de Veiga). Ö seu paso por Lugo achéganse á estación de ferrocarril, a cumprimentar o compositor, unha comisión do concello, o gobernador civil Bocherini, que se incorpora á comitiva, e a banda municipal. Non así o Orfeón Galego, molesto por non ter recibido invitación ningunha da comisión mindoniense da homenaxe.

      En Baamonde, remate do traxecto en tren, tocan chan galego os restos de Veiga. Agardábanos alí membros da comisión mindoniense e algúns familiares. Julio Dávila, que fixo a crónica desas xornadas, sinala con desolación que os restos chegaron a Baamonde “acompañándoos políticos, periodistas e literatos, e aquí os esperaban literatos, periodistas e políticos, mais ningún músico”. No banquete ofrecido á comitiva antes de emprender camiño a Mondoñedo, segundo o mesmo cronista, os comensais estaban máis pendentes “do que dicían Montero Villegas, Vicenti e Doval –que parecían homenaxeados en vez de homenaxeantes- ca dos restos do gran mestre, os cales, pechados en forte caixa de carballo, baixáronse en terra galega coma se descarga unha caixa de mercancías”.

     A comitiva chegou a Mondoñedo á tardiña e a capela ardente cos restos do músico instalouse na capela da Madalena, da catedral. Unha multitude desfilou perante os restos expostos do compositor, entre eles “centenares de labregos, o que non puido menos de causarnos gran sorpresa“. O sorprendido, por suposto, era o anónimo redactor de La Voz de Mondoñedo, descoñecedor, se cadra, de que aqueles labregos, xente do común, honraban só a un dos seus, o autor da Alborada, a música na que, consonte a propia retórica da época, confluían “as baladas e melodías de Cesuras e Mondoñedo, os alalás de Barbeitas e As Coruxeiras”.

     Ó seguinte día, 18 de setembro, celebráronse os solemnes funerais. Na oración fúnebre pronunciada por Gómez Adanza, os presentes oíron falar da rexeneración de Galicia, da que Veiga era precursor, e nas bóvedas do templo ecoaron moi nítidos e sonoros os nomes de Rosalía, Curros, Añón, Pondal, Lamas Carvajal e Brañas.

     De seguido púxose en marcha a comitiva fúnebre, na que salientaba a gran representación floral de sociedades, orfeóns, concellos e  asociacións de toda condición e procedencia. O cadaleito, levado a ombros de 6 orfeonistas, desfilou dende a catedral ó cemiterio polas rúas Progreso, Marqués de Rodil e Montero Villegas, entre un xentío enorme que apenas permitía avanzar á comitiva, pechada pola corporación municipal baixo mazas. No camposanto, Alfredo Vicenti, no nome dos galegos en Cuba e Bos Aires, fixo formalmente entrega dos restos de Veiga ó concello, representado polo secretario Sánchez Graña por indisposición do alcalde Díaz Portas, e déuselles sepultura.

     A comitiva colle camiño entón cara a casa natal do compositor, na que o concello dispuxera colocar unha lápida conmemorativa. Descóbrea Montero Villegas e houbo un cachón, unha enxurrada de discursos. Ó cabo, a banda de música Isabel a Católica e un orfeón aínda sen nome atacan os acordes do Himno Galego. A apenas cen metros da praza na que un 17 de decembro, coa morte do Mariscal, se lle puxera fin simbolicamente ó reino de Galicia, soa por vez primeira en Mondoñedo, e se cadra na patria, a música que un 20 de decembro, como na profecía tres días despois, fixera espertar do seu sono á nazón de Breogán. Había algo de sarcasmo e moito, moito de xustiza poética. 

XE FREYRE