Panteón de Pascual Veiga     Respecto o panteón que acollería os restos do compositor, a comisión determinara informarse de prezos e pedir planos. O concello mindoniense, en sesión de novembro de 1911, resolvera ceder no cemiterio municipal o terreo necesario para emprazar o mausoleo, ó carón da escaleira central. Ó cabo, o proxecto encargóuselle a Ramón Martínez-González Insua, membro da comisión, e foi executado en mármore de Sasdónigas por Constenla. Ó seguinte día de Veiga recibir nel sepultura definitiva, mesmo aínda sen ter rematado as obras do mausoleo, Alfredo Vicenti fixo entrega ó concello, en nome dos galegos na Habana, de 3.000 pesetas para custear a súa construción. As deputacións de Lugo e da Coruña achegaron outras sumas menores. Na inscrición do mausoleo fíxose constar que se procedera ó traslado dos restos por iniciativa de galegos en Bos Aires e Cuba, e que estes últimos o sufragaran.

      Xa que nese momento non había en Mondoñedo orfeón ningún constituído e en activo, a comisión considerou necesario organizar ex profeso unha masa coral que contribuíra ó lucimento dos actos en honra do músico e que, concretamente, interpretara a Alborada Galega. Para a súa organización pensouse en Mariano Casares, organista da catedral. O propio bispo Solís dera o seu beneplácito para que este o ensaiara e dirixira. Mais Casares, por moito que se lle insistiu e pregou, non aceptou o encargo. A mes e medio da celebración dos actos non había determinación ningunha sobre a súa constitución e o Orfeón Galego, de Lugo, ofrécese a participar nos actos desinteresadamente, a cambio só das custas da viaxe.

      Porén Mondoñedo contou na homenaxe cun orfeón de seu. Organizouno para a ocasión e dirixiuno José Castañeda Jurado. A actuación exitosa animou ós compoñentes a constituílo formalmente. En xuntanza de 30 de setembro, xa pasados os festexos, os orfeonistas deciden comisionar a algúns dos seus membros para redactar un regulamento. A nova masa coral recibirá o nome de Orfeón Pascual Veiga e prevía presentarse oficialmente ó público o día de Todos os Santos, interpretando no cemiterio, perante o mausoleo de Veiga, o “Libérame”, de Pacheco.

      O 16 de setembro de 1912 exhúmanse no cemiterio madrileño da Almudena os restos mortais de Veiga, que se depositan nunha arca de madeira de carballo. Ó seguinte día parten para Mondoñedo acompañados, entre outros, por Montero Villegas, Alfredo Vicenti, Gerardo Doval (comisionado polo Centro Galego en Madrid) e Santiago Román Prieto (en representación das fillas de Veiga). Ö seu paso por Lugo achéganse á estación de ferrocarril, a cumprimentar o compositor, unha comisión do concello, o gobernador civil Bocherini, que se incorpora á comitiva, e a banda municipal. Non así o Orfeón Galego, molesto por non ter recibido invitación ningunha da comisión mindoniense da homenaxe.

      En Baamonde, remate do traxecto en tren, tocan chan galego os restos de Veiga. Agardábanos alí membros da comisión mindoniense e algúns familiares. Julio Dávila, que fixo a crónica desas xornadas, sinala con desolación que os restos chegaron a Baamonde “acompañándoos políticos, periodistas e literatos, e aquí os esperaban literatos, periodistas e políticos, mais ningún músico”. No banquete ofrecido á comitiva antes de emprender camiño a Mondoñedo, segundo o mesmo cronista, os comensais estaban máis pendentes “do que dicían Montero Villegas, Vicenti e Doval –que parecían homenaxeados en vez de homenaxeantes- ca dos restos do gran mestre, os cales, pechados en forte caixa de carballo, baixáronse en terra galega coma se descarga unha caixa de mercancías”.

     A comitiva chegou a Mondoñedo á tardiña e a capela ardente cos restos do músico instalouse na capela da Madalena, da catedral. Unha multitude desfilou perante os restos expostos do compositor, entre eles “centenares de labregos, o que non puido menos de causarnos gran sorpresa“. O sorprendido, por suposto, era o anónimo redactor de La Voz de Mondoñedo, descoñecedor, se cadra, de que aqueles labregos, xente do común, honraban só a un dos seus, o autor da Alborada, a música na que, consonte a propia retórica da época, confluían “as baladas e melodías de Cesuras e Mondoñedo, os alalás de Barbeitas e As Coruxeiras”.

     Ó seguinte día, 18 de setembro, celebráronse os solemnes funerais. Na oración fúnebre pronunciada por Gómez Adanza, os presentes oíron falar da rexeneración de Galicia, da que Veiga era precursor, e nas bóvedas do templo ecoaron moi nítidos e sonoros os nomes de Rosalía, Curros, Añón, Pondal, Lamas Carvajal e Brañas.

     De seguido púxose en marcha a comitiva fúnebre, na que salientaba a gran representación floral de sociedades, orfeóns, concellos e  asociacións de toda condición e procedencia. O cadaleito, levado a ombros de 6 orfeonistas, desfilou dende a catedral ó cemiterio polas rúas Progreso, Marqués de Rodil e Montero Villegas, entre un xentío enorme que apenas permitía avanzar á comitiva, pechada pola corporación municipal baixo mazas. No camposanto, Alfredo Vicenti, no nome dos galegos en Cuba e Bos Aires, fixo formalmente entrega dos restos de Veiga ó concello, representado polo secretario Sánchez Graña por indisposición do alcalde Díaz Portas, e déuselles sepultura.

     A comitiva colle camiño entón cara a casa natal do compositor, na que o concello dispuxera colocar unha lápida conmemorativa. Descóbrea Montero Villegas e houbo un cachón, unha enxurrada de discursos. Ó cabo, a banda de música Isabel a Católica e un orfeón aínda sen nome atacan os acordes do Himno Galego. A apenas cen metros da praza na que un 17 de decembro, coa morte do Mariscal, se lle puxera fin simbolicamente ó reino de Galicia, soa por vez primeira en Mondoñedo, e se cadra na patria, a música que un 20 de decembro, como na profecía tres días despois, fixera espertar do seu sono á nazón de Breogán. Había algo de sarcasmo e moito, moito de xustiza poética. 

XE FREYRE