Fai algúns días vin na tv certos personaxes dando o pregón das festas de varias localidades e metían a pata hasta as orellas confundindo os nomes das vilas, dos patróns,…

Non, non vos preocupedes, acougade. O que si me gustaría contarvos é por que resisto en Mondoñedo:
Semella que os artistas viven dunha certa maneira, que non fan caca e case que transpiran auga de rosas. Suponse que os artistas pásanse a vida de cocktail en cocktail, en glamourosas aeroliñas intercontinentais para viaxar a Berlín ou a Nova Iorque ou Tokio… é obrigado se-lo máis “in” neses centros da cultura onde todos conspiran nunha sorte de concurso universal para obter os dez minutos de gloria que parecen correspondernos ós cidadáns da sociedade do hedonismo e consumo irresponsable.
O éxito e o fracaso son só verbas, só palabras: a vida vai poñendo as cousas no seu sitio e será a historia quen decida finalmente. Castelao tíñao claro cando afirmaba que hai que ser dun tempo e dun lugar.
E por iso direivos que son consciente do privilexio que significa formar parte dunha comunidade coma a nosa, do excepcional de dispoñer dun cachiño de planeta aínda bastante equilibrado humana i ecoloxicamente, a pesares dos pesares.
Temos unha obriga cos nosos devanceiros por deixarnos tanto e témola tamén cos nosos herdeiros: non podemos facerlles o futuro insufrible!
Do pasado ven a festa, dos antigos ritos de fecundidade e celebración dos solsticios, cando a vida retorna do escuro e frío inverno.
Grazas a quenes co seu traballo nos devolveron a oportunidade de gozar de todo o bo e fermoso que temos. O Siñor Redruello (recetas) foi o druída que recuperou as Quendas, chíscolle un ollo dende aquí a el e ós camaradas que xa non están entre nós.
Gustaríame que esa herdanza se convertese nun presente mellor e un futuro sostible para todos. Mentres, e aprendendo do vello profesor nos seus pregóns do San Sidro madrileño, direivos: mindonienses e achegados: a bailar, a comer, a rir e foder e beber, que estamos nas Quendas!!!
MAURO LEIVAS