Con el pregón de Sara González y el concierto del Coro Mestre Pacheco arrancaron As Quendas 2017.
La pregonera, elegida mejor ingeniera química joven de España por la Real Academia de Ingeniería, recordó, ante un abarrotado auditorio, sus vivencias en la ciudad y en las ferias y fiestas de As Quendas, que en Mondoñedo tienen siempre el sabor de la empanada y el sonido de los caballos.
Puedes leer el pregón completo en el siguiente enlace de leer más.
PREGÓN DE AS QUENDAS 2017
Ilustrísima Sra. Alcaldesa do Concello de Mondoñedo, Sres. Concelleiros, Sres. membros da Comisión de Festas das Quendas e as San Lucas e demais autoridades, raíña e damas das festas, Quendeiro, veciñas e veciños, queridas amigas e amigos.
En primeiro lugar quixera comezar este pregón das Feiras e Festas das Quendas 2017 con unhas palabras de agradecemento para a Comisión de festas. O 25 de marzo, hai pouco máis de un mes, recibín a súa chamada para comentarme que habían pensado en min para ser a pregoeira das festas deste ano. Sendo moi sincera, teño que dicir que para min foi unha auténtica sorpresa posto que xamais se me pasou pola miña cabeza verme nesta tesitura. E ao mesmo tempo que me sentín emocionada (e porqué non dicilo estrañada) tamén me sentín preocupada (e os nervios empezaron a brotar no meu corpo e aínda aquí seguen) polo que me viña enriba: preparar o pregón das festas!! E teño que dicir que dende ese momento, todos os días lle estiven dando voltas á pregunta ... de qué podo falar no pregón?
Agradezo así mesmo a súa presentación sobre a miña persoa, tinguida de afecto e alongada de toda obxectividade. E dito isto tamén quero engadir que me sentín moi distinguida con este nomeamento que se produce nun ano moi importante para min tanto dende o punto de vista profesional polo recoñecemento coa Medalla de Agustín de Betancourt e Molina que me concedeu a Real Academia Española de Enxeñaría que outorga a enxeñeiros que realizaron labores notorias de Investigación no campo da Enxeñaría e que conducen a propiciar novos desenrolos e innovacións pero tamén dende un punto de vista persoal, posto que tal día coma hoxe hai un ano non puiden asistir á celebración das festas da nosa cidade (creo que foron as primeiras Quendas ás que non asistín na miña vida) xa que a esta mesma hora ía camiño do hospital (e os meus pais arrancaron camiño de Santiago) porque o noso Felipe se decidiu a nacer nestas datas tan sinaladas para os mindonienses. Polo tanto, dende ese momento, As Quendas van a ter unha dobre celebración na “familia Villabrille”.
Sempre que puiden, fun asistente a os pregóns das festas de Mondoñedo e todos me pareceron sempre de un grandísimo nivel, moi documentados e orixinais en algúns casos. En todos eles se resaltou o máis destacado da historia, das costumes, da natureza, do patrimonio, das personalidades, das curiosidades, etc, etc. do noso municipio.
A celebración do pregón supón o reencontro coa miña querida patria onde “Me deron de comer e me regalaron o posible” como xa dixera todo emocionado o tan recordado enxeñoso Hidalgo Don Quixote cando regresou á súa aldea acompañado de Sancho. Síntome moi leda por ser, aínda que sexa só por uns instantes, a voz de toda unha cidade que esta noite resoa neste auditorio.
É verdade que a preparación deste pregón foi unha oportunidade para min para recordar e coñecer cousas da historia de Mondoñedo e porqué non dicilo, de forma inmediata os recordos e as persoas se apiñaron na miña cabeza e, nuns intres, din un pequeno repaso á miña vida na miña cidade. Como veredes, recalco moitas veces o termo cidade cando me refiro a Mondoñedo e o fago porque a veces parece que se nos esquece mais está ben recordalo sobre todo cando saímos dos límites do noso municipio.
Mondoñedo é unha pequena cidade, título que lle concedeu no ano 1156 o rei Afonso VII. Foi capital dunha das sete provincias de Galicia (ata o ano 1833) e hoxe en día pode considerarse todo un exemplo de localidade na que conviven a tradición e a modernidade con un patrimonio monumental envexable por moitas outras. De feito, hai apenas dous anos, foi catalogada a nosa catedral – quizais o símbolo que máis nos representa a todos os mindonienses – Patrimonio da Humanidade pola Unesco. E si seguimos tendo en mente ao Quixote, o propio Cervantes fai referencia dela no prólogo cando se refire a frai Antonio de Guevara recordando a súa condición de escritor e bispo. E tamén relacionado coa nosa catedral cabe destacar como curiosidade a visita do por aquel entonces beato Xan XXIII na súa peregrinación a Santiago cando ía realizar unha conferencia e decidiu seguir o Camiño Norte pola Costa e, que posteriormente, foi nomeado Papa.
Pero si falamos de Mondoñedo, tamén temos que falar de artesanía –agora centrada no barrio dos Muiños - e fago referencia a iso por dúas razóns. Unha, porque estando en Barcelona hai uns cantos anos, un profesor da Universidade Autónoma de Barcelona coñecía a Mondoñedo pola calidade da súa cerámica (teño que admitir mais con vergoña que para min foi unha sorpresa, posto que eu non sabía tal cousa). E en segundo lugar o digo como neta de artesáns. O meu avó, José, carpinteiro e a miña avoa Ermitas, costureira, durante moitos anos nesta cidade.
Pero como moito xa está dito de Mondoñedo e tampouco o pregón ten que ser unha clase de historia, voume centrar un pouco en min e no meu cariño cara a miña cidade. Teño que comezar pola miña infancia, nacín na rúa Pacheco na casa de José o Carpinteiro ou na casa dos Villabrille. Con estas cinco palabras “neta de José o Carpinteiro” moitos de vos me coñecedes non só a min senón tamén á miña irmá. Tamén como a neta de Ermitas ou incluso como a filla de María José a mestra ou Eusebio do banco. Aínda que as cousas van cambiando e hoxe en día seguramente como a irmá de Rebeca a médico. Por iso, chegados a este punto quero recordar a estas dúas persoas que foron tan importantes para min aínda que máis en especial, quizás por cuestións de vida, á miña avoa Ermitas, amiga, compañeira de viaxe e tamén de moitas historias, que me ensinou (ou mellor dito, nos ensinou) a querer a Mondoñedo. Moitas das cousas que sei sobre esta cidade seinas grazas a ela. Ela nos debuxaba na nosa imaxinación como era o Mondoñedo da post-guerra, ela nos ensinou recunchos nos arredores como cando nos levaba de paseo a Valiño a xogar con Luquiño (o antigo can da casa) facendo unha parada na confitería de Pura a mercar palmeiras,os paseos en dirección a Cesuras e Rego de Cás, as tardes dos veráns na Alameda, os domingos na Fraga Vella… e de aquela época recordo con especial cariño a persoas coma Ángel, Carmen e Albina de Morán, Encarnación de Roque, Esperanza de Magritas, Alicia, … algúns deles xa non están con nos.
A miña infancia tamén pasou na rúa Pacheco, na rúa da Concepción (rúa en aquel entón ateigada de pícaros para xogar coma Rosa e Andrés de Correos) e posteriormente na Praza do Concello e no Bar Central. Ao recordar a nosa rúa, vénseme á cabeza Josefa e Suso o barrendeiro, moi unidos á nosa familia, e a Celia… En torno a eles fun medrando e crecendo como persoa.
Cursei os meus estudos aquí en Mondoñedo. Primeiro no Colexio Álvaro Cunqueiro Mora e despois no Instituto de Bacharelato San Rosendo. Da época do colexio recordo con cariño a profesores como a miña nai – a miña primeira mestra- (que nos ensinou a min e á miña irmá a ler, escribir así como o importante que é esforzarse), a Doña Clara, Doña Julia, Doña Josefina, … e na época do instituto, xa máis recente, a Pilar Díaz, Juan Puchades e José Ramón Pavón entre outros. Ademais este ano o noso instituto está de celebración posto que hai menos de un mes, recibiu a placa de honra concedida pola Orde Civil de Afonso X O Sabio en recoñecemento aos méritos contraídos durante a súa longa traxectoria educativa. Recoñecemento do que todos os mindonienses nos temos que sentir orgullosos.
Pero para ir rematando, voume centrar un pouco nas festas. Recordo cando contábamos os días, que se facían interminables, para que comezaran as festas das Quendas. Eran o momento de estrear roupa, comer o polbo na alameda, de recibir á familia na casa da miña avoa, de subir nos cochitos… As Quendas (As Kalendas de maio) chegaban coa entrada no mes de maio, e a veces nos referíamos a elas como unhas pequenas San Lucas posto que tamén veñen acompañadas da feira de gando. Pero teñen unha característica que é a exaltación da empanada dende hai xa 34 anos, produto que xunto co pan e a tarta de Mondoñedo tanto nos identifica. E que como sempre eu digo alá onde vou: non hai mellor empanada que a empanada de Mondoñedo!!. E é que non hai en ningún lugar de Galicia unha empanada igual á nosa. Pero aínda que non tan antigas coma As San Lucas, As Quendas teñen a súa historia e xa hai recordos delas no século XVI. Incluso Álvaro Cunqueiro fixo referencia a estas festas na súa obra “Xente de aquí e de acolá” cando falaba do Soleiro, un coxo que viña a Mondoñedo polas Quendas, ó que se lle apareceu a súa muller en figura de corvo e que era cliente da barbería do Pallarego.
Temos que dar grazas ás festas, ós que vivides e traballades aquí todo o ano. Posto que grazas ó voso esforzo podemos gozar duns días nos que a cidade se ilumina e en certo modo, se transforma. E os que tivemos que marchar, podemos encontrarnos con todo isto, coas caras coñecidas de sempre e cos olores familiares cando vimos gozar delas. Este ano a Comisión de Festas organizou tres días e medio de celebracións, comezando hoxe con este acto. Celebracións moi diversas e para todos os gustos: rutas a cabalo, actuacións de teatro, exhibición hípica, degustación da carne de poldro, empanada, orquestras e incluso contaremos coa presenza de A Roda, celebrando os seus 40 anos, que seguro que moitos saberedes este grupo no seu disco de panxoliñas Na blanca noite engadiu un tema adicado á nosa cidade (Noiteboa en Mondoñedo) onde se fai un percorrido polos diferentes barrios do noso concello como Valiñadares, Os picos, As curuxeiras, Valiño, ...
Finalmente, gustaríame terminar este pregón con unha imaxe e unhas palabras. Como xa comentei, crecín e vivín en Mondoñedo ata que marchei estudar fora (a Santiago). Todos os días pola mañá, cando abría a fiestra da nosa habitación, encontrábame coa imaxe dunha torre da catedral e o Couto ó fondo. Imaxe que agora cambiou un pouco co paso do tempo e a construción da autovía. Pois ben, cando estábamos no primeiro curso de Bacharelato, o meu querido Puchades, encargounos nunha fin de semana que pintaramos en acuarela unha imaxe de onde vivíamos e eu pintei a imaxe que me encontraba todas as mañás na miña fiestra. Pois ben, esa imaxe e esa pintura é a que vos amoso agora mesmo e a que o noso pequeno Felipe ve todas as mañás cando esperta e que preside a súa habitación xa dende antes de que el nacera. Con isto quero amosarvos a facervos partícipes do cariño que sinto pola miña cidade e que dende que naceu lle quero transmitir ó noso pequeno, que aínda que non de nacemento, si é de Mondoñedo de corazón.
Como ben sabedes, pregón quere dicir anunciar, difundir, notificar a boa nova das festas polo que Sra. Alcaldesa … que comecen as festas e feiras das Quendas 2017.
Sara González García