No bico un cantar

Elena Candia presidiu esta mañá a presentación da iniciativa ‘No bico un cantar, promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Consello da Cultura Galega e que na súa quinta edición rende homenaxe aos poetas mindonienses.
A alcaldesa de Mondoñedo precisou que “o Concello de Mondoñedo estará sempre do lado da educación en valores, do traballo en equipo e na defensa da cultura e a lingua galega a través dos nosos autores máis representativos”
A popular tamén reivindicou o lugar destacado que Mondoñedo debe ocupar no centro da cultura galega pola enorme contribución que ten feito a cidade a través de versos como son os de Cunqueiro, Noriega Varela, Díaz-Jácome, Leiras Pulpeiro e Iglesia Alvariño.
 
 
NOTA DE PRENSA
A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, valorou esta mañá o privilexio que supón desenvolver na cidade a iniciativa ‘No bico un cantar’, promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Consello da Cultura Galega.  Na súa quinta edición, este proxecto rende homenaxe aos poetas mindonienses a través das voces dos alumnos e das alumnas dos conservatorios profesionais de música de Galicia. “A inclusión en ‘No bico un cantar’ converterá a Mondoñedo na capital da cultura galega o vindeiro día dous de xuño”, considera a rexedora.
 
Elena Candia participou esta mañá na presentación que se fixo da iniciativa no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo, na que tamén participaron o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares;  o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; e o membro do Consello da Cultura Galega e director musical da actividade, Maximino Zumalave.
 
No bico un cantar 
 
Mondoñedo, ampla contribución á cultura galega
A través desta iniciativa a música e a poesía danse a man nas voces dos alumnos e alumnas dos conservatorios profesionais de música de Galicia e con eles, asegura Candia, “rendémoslle unha merecida homenaxe aos poetas mindonienses”. Así, a rexedora anunciou que “teremos o privilexio de contar con 500 nenos e nenas dos conservatorios profesionais de musica da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo, do coro Ángeles de Compostela da Escolanía da Catedral de Santiago; do coro de nenos da Orquestra Sinfónica de Galicia; e tamén están convidados os alumnos dos conservatorios profesionais de Viveiro e de Vilalba e das escolas de música municipais de Ribadeo e Mondoñedo”.
 
Na súa intervención,  Elena Candia tamén lembrou que “a nosa cidade ten feito unha contribución maiúscula á cultura galega a través dos versos de Cunqueiro, Noriega Varela, Díaz-Jácome, Leiras Pulpeiro e Iglesia Alvariño, polo que hoxe aproveitamos tamén para reivindicar o noso papel e ese lugar destacado que Mondoñedo debe ocupar como cidade no centro da cultura galega”. 
 
“Estamos nun escenario que vive ligado sempre a persoas ilustres e no que sempre temos efemérides que conmemorar” precisa. Así, a alcaldesa engadiu que “o Concello de Mondoñedo estará sempre do lado da educación en valores, do traballo en equipo e na defensa da cultura e a lingua galega a través dos nosos autores máis representativos”. Ao mesmo tempo agradeceu poder contribuír a por en valor e difundir a importancia da poesía e a música como vehículos de transmisión da cultura e da lingua, ao igual que, engadiu, “axudamos a tender unha ponte entre os creadores culturais do pasado, todos os autores que puxeron a Mondoñedo no mapa da cultura, e os novos creadores, o alumnado das disciplinas musicais que lle porá voz a este precioso proxecto”.
 
No bico un cantar 
 
Agradecementos
A alcaldesa de Mondoñedo tamén quixo agradecer o traballo e o empeño do Consello da Cultura Galega por achegar esta iniciativa desde Mondoñedo a toda Galicia, “un recoñecemento que personalizo no seu presidente, Ramón Villares, e na influencia que a bo seguro tivo o seu paso polo Seminario de Mondoñedo”.
 
Para a popular, esta loa debe estenderse tamén ao conselleiro, Román Rodríguez, así como a Anxo Lorenzo, “dous dos valedores da cultura desde Mondoñedo para o mundo e os verdadeiros artífices, xunto co Consello da Cultura Galega, de que o todo o noso potencial se dea a coñecer aos rapaces e rapazas dos conservatorios profesionais de música de Galicia”.