Convenio
O Concello de Mondoñedo e a USC asinan un convenio para o estudo do patrimonio cultural da cidade e a súa valorización. A alcaldesa, Elena Candia, e o reitor da USC, Juan Viaño, firmaron o acordo de colaboración para o desenvolvemento do proxecto “Mondoñedo dixital: cidade histórica e patrimonio”.
As actividades no marco deste acordo deberán estar finalizadas o 31 de decembro de 2018 e permitirán que o Goberno local conte con instrumentos para unha posta en valor dos recursos da localidade.
 
 
NOTA DE PRENSA
Mondoñedo, 10 de maio de 2016.- O Goberno local do Concello de Mondoñedo representando pola alcaldesa, Elena Candia, e a Universidade de Santiago (USC) polo seu reitor, Juan Viaño, asinaron esta mañá en Lugo un convenio de colaboración para desenvolver o proxecto ‘Mondoñedo dixital: cidade histórica e patrimonio’, que ten como piares básicos o estudo do patrimonio cultural mindoniense e a súa valorización. 
As actividades a desenvolver no marco do acordo deberán estar finalizadas o 31 de decembro e 2018. O obxectivo, segundo explicou a alcaldesa, é o de que o Concello teña instrumentos para unha posta en valor dos recursos da localidade. 
Os traballos seranlle encomendados a un equipo de investigación baixo a dirección do profesor Gonzalo Francisco Fernández Suárez no Departamento de Historia e do Centro de Estudo de Historia da Cidade.
Contido do proxecto
Este proxecto tomará como punto de partida o estudo do patrimonio cultural mindoniense mediante o recurso ás fontes documentais conservadas nos propios arquivos municipal e catedralicio mindoniense e rastrexando tamén todas as noticias que se puideran localizar, entre outros, no Arquivo do Reino de Galicia, Archivo Histórico Nacional, Archivo de la Chancillería de Valladolid e Archivo Militar de Segovia. Neste baleirado documental extraeríanse todas aquelas noticias que dun modo directo ou indirecto teñan relación co patrimonio cultural mindoniense. Unha vez extraída toda a información, deseñaríase unha base de datos para ordenala e facilitar a súa localización. 
O traballo constaría dos seguintes apartados que o Centro de Estudos da Cidade podería desenvolver nunha primeira fase ao longo de seis meses:
- Recompilación das fontes documentais existentes, así como de planos de épocas pasadas sobre a cidade.
- Baleirado destas fontes documentais, extraendo delas toda a información que exista sobre urbanismo (trazado das rúas, casas, edificios principais, fontes, cursos de auga, perímetro amurallado, vías de acceso etc.), festividades (San Xoán, As San Lucas etc.), vida cotiá (oficios, vestimenta, alimentación etc.). 
Para abordar este cometido será preciso a contratación de 2/3 persoas para realizar este baleirado mediante a elaboración dun taller de emprego para documentalistas. O proxecto debe pensarse cunha duración de entre 2-3 anos para poder sacar progresivamente novos produtos da información extraída conforme se vaia baleirando a documentación.
A maiores, dende o Centro de Estudios da Cidade poderíase contar con empresas que poderían encargarse de confeccionar vídeos, aplicación para móbiles, etc.


Beneficios do proxecto
Os beneficios deste proxecto concrétanse en:
- Mellora da posta en valor dos elementos patrimoniais da cidade de Mondoñedo mediante a confección de paneis, ben estáticos ou incluso mediante imaxes, para informar ao visitante sobre o patrimonio mindoniense.
- Posta en funcionamento de rutas históricas, etnográficas etc. mediante a súa sinalización e que unirían diferentes elementos patrimoniais tanto dentro da propia cidade como no seu termo municipal. Isto permitiría a posta en valor de lugares como por exemplo o castro de Zoñán ao ser un elemento sinalizado nestas rutas e, en consecuencia, visitado polo público.
- Creación dunha base de datos que facilitaría considerablemente a localización de elementos patrimoniais do pasado, a súa posible musealización in situ e a súa posta en valor, converténdoo deste xeito  nun elemento máis da oferta patrimonial de Mondoñedo. Esta base de datos tamén tería unha importancia fundamental no momento de acometer calquera intervención urbanística dentro da cidade, dado que revelaría a existencia de todos aqueles elementos cos que nos podemos atopar (mananciais, restos de murallas, cimentacións de edificios antigos etc.).
- Mellora da web do Concello mindoniense e creación dun perfil social no que se recollese de modo pormenorizado toda a oferta patrimonial que Mondoñedo pode ofrecer aos seus visitantes.
- Confección de vídeos promocionais da propia cidade, recreacións en 3D etc.
- Asesoramento para a mellora da feira medieval (ambientación, desenvolvemento doutras actividades, conferencias etc. que poidan atraer un maior número de público).
 
Convenio