Certame
O Concello de Mondoñedo convoca o I Concurso de ornamentación de balcóns e fachadas.
O certame ‘Florea o teu balcón’ estará aberto entre o día 30 de abril e venres 20 de maio.
A rexedora explica que se busca a posta en valor dos balcóns como elementos vivos e decorativos da cidade.
Haberá tres premios para os gañadores dotados con 200, 150 e 100 euros. Máis información no seguinte enlace.


NOTA DE PRENSA
Mondoñedo, 26 de abril de 2016.- O Goberno local do Concello de Mondoñedo convoca o I  Concurso de ornamentación de balcóns e fachadas ‘Florea o teu balcón’. O certame, cuxa inscrición estará aberta entre o 30 de abril e o venres 20 de maio, foi dado a coñecer hoxe pola alcaldesa, a popular Elena Candia, e o concelleiro de Educación, Mocidade e Novas Tecnoloxías, Alberto García Fernández.
Ambos explican que o que se pretende é a posta en valor dos balcóns como elementos vivos e decorativos da cidade, “porque detrás de cada balcón ornamentado existe unha moi importante contribución cidadá á mellora estética do noso casco urbano, que cobra importancia especialmente coa chegada da primavera e verán”, engaden.
A quen se dirixe
No certame poderán participar todos aqueles particulares que dispoñan de balcóns ou ventás que reúnan as condicións mínimas necesarias para ser decorados ornamentalmente con flores e plantas. O alcance do concurso será o casco urbano da cidade de Mondoñedo, incluíndo casco histórico e os barrios tradicionais de Os Muíños e San Lázaro. Poderán inscribirse nas datas arriba sinaladas no portelo de atención ao público da Casa do Concello de Mondoñedo. Deberá indicar o nome, apelidos e DNI do participante, xunto ao enderezo dos balcóns participantes.
O xurado realizará visitas periódicas nos meses de maio, xuño e xullo e valorará, entre outros aspectos: 
-  O estado de conservación e mantemento semanal dos balcóns.
-  A orixinalidade na ornamentación.
-  A variedade e calidade florística.
-  A innovación de especies e a colocación de elementos accesorios tales coma xardineiras, colgantes, etc.
Composición do xurado
O xurado cualificador estará integrado por representantes de cinco asociacións de Mondoñedo elixidas a sorteo, un representante da ACIAM, dous profesionais do sector da xardinería e un representante de cada centro educativo do municipio. O resultado do concurso farase público a segunda quincena do mes de xullo, mentres que os premios se entregarán en agosto.
O Concello de Mondoñedo establece tres premios. Un primeiro dotado con 200 euros; un segundo de 150 euros e un terceiro por importe de 100 euros. Todos eles levarán un diploma acreditativo para colocar no balcón galardoado.

Certame