As Quendas
Mondoñedo celebrará a súa tradicional Feira e Festa das Quendas a fin de semana do 29 ao 1 de maio, entorno a un programa que nesta edición unifica a tradición das festas (Feira Tradicional de Gando Cabalar, Festa da Empanada, Xornadas da Carne do Poldro Galego) cunha ampla oferta cultural e literaria coa inclusión da actividade, entre outras, Mondoñedo é Poesía.
As Quendas 2016 comezarán o venres 29 de abril co pregón do escritor e músico galego, Cesar Morán Fraga, no Auditorio Municipal Pascual Veiga, ás 20:15 horas; trala recepción oficial no Concello. Máis información no seguinte enlace.



O cabalo, o gran protagonista
O sábado 30 de abril, o cabalo ten unha relevancia especial coa saída ás 10:30 horas do Campo da Feira da III Ruta a Cabalo “As Quendas”, cuxa inscrición remata o xoves 28 a través dos teléfonos 639 021 130 e 664 352 733, por un importe de 20 euros (inclúe almorzo e xantar no bar Bigotes). Ademais, ás 17:30 horas, no recinto da Granxa, será a exhibición e concurso hípico de salto, a cargo de Hípica Equs Caballetti (Lugo) e Centro Ecuestre Os Parrulos (A Coruña).

A V Xornadas da Carne do Poldro Galego inclúen tanto o sábado como o domingo degustación de balde deste produto na Alameda dos Remedios, servida polo bar Bigotes en horarios de 13:00 a 14:00 horas e de 20:00 a 22:00 horas; ademais haberá tapas elaboradas con poldro nos locais de hostalería mindoniense. 

O domingo, 1 de maio, é o día grande das festas coa celebración da Gran Feira Tradicional de Gando Cabalar, no Campo da Feira, a partir das 9:00 horas. Ás 11:45 sairán da Casa do Concello as raíñas e damas das festas, xunto cos cabezudos e o Grupo de Gaitas “Ledicia” cara a Feira do Gando, percorrendo os distintos postos. Xa ás 13:45 horas no Campo da Feira terá lugar a entrega de Premios do Concurso de Gando. 

O domingo tamén se celebra o Mercado de Produtos do Campo Galego e a XXXIII Festa da Empanada, coa venda deste produto na Alameda e a súa degustación durante todo o día nos negocios de hostalería da cidade. 

Ás 8:00 horas do domingo, dá inicio a II edición da carreira popular TCX Mondoñedo “A Toxiza Classic Xtreme”, con saída da Praza da Catedral.


Ampla oferta cultural e literaria
O domingo terá lugar a terceira edición da actividade cultural Mondoñedo é Poesía 2016, que convoca a numerosos autores e autoras (escritores, músicos, debuxantes, libreiros, críticos …) que en  diferentes rúas, prazas e espazos culturais da cidade de Mondoñedo ofrecerán as súas creacións. 

Os horarios e lugares serán os seguintes: ás 18:00 h., na Praza da Catedral, ás 18:30 h. na Praza da Concello e ás 19:00 h na Praza Jaime Cabot. 

Interveñen: Margarita Bermúdez, Mateo Buján, Martiño Maseda, Moncho García, Mª José Fernández, Raúl Costas, Xosé Ruíz Leivas, Antía Juncal e Coro “Mestre Pacheco”. 

Mentres que no Auditorio Municipal “Pascual Veiga” de 20:00 a 21.30 h será o Recital “Mondoñedo é poesía” . Interveñen músicos (César Morán, Carmen Rodríguez Lage e Coro “Mestre Pacheco”), e poetas (Darío Xohán Cabana, Antonio García Teijeiro, María Lado, Lucía Aldao, Martiño Maseda, Mª José Fernández, Mateo Buján, Raúl Costas, Antía Juncal e Xosé Artiaga). O colofón será coa homenaxe a Manuel Fernández de Castro, bispo de Mondoeñdo entre 1890 e 1905, e figura do rexurdimento da llingua asturiana ao cumprírense 110 anos do seu pasamento. Este acto contará co intervención do académico da Academia  de la LLingu Asturiana. Xosé Ramón Iglesias Cueva.


Mondoñedo é poesía 2016 incrementa nesta edición as actividades complementarias, nesta ocasión coa celebración tanto o sábado coma o domingo dunha Expo-libro, exposicións, obradoiros ... O programa de actividades é o seguinte:

Obradoiro de regueifas a cargo de Josiño da Teixeira, en colaboración coa Tradescola de Lugo. O luns, 25 de abril desenvolveranse dúas sesións, unha no IES “San Rosendo” e outra no CEIP “Álvaro Cunqueiro”
 
Debuxando Mondoñedo (SKETCHCRAWL GALICIA, 2ª edición). Sábado, 30 de abril (de 11:00 a 19.00 h.) Debuxantes e pintores cítanse nunha quedada en Mondoñedo. Percorreran as rúas tomando apuntes da cidade e das xentes ao vivo e que se difundirán a través das redes sociais. Ás 19:00 h. debuxantes  escritores reuniranse na Escola da Música para unha posta en común das diferentes experiencias. Lugar de cita ás 11:00 h. na Praza da Catedral.

Exposición fotográfica “Mondoñedo sentimental (Vidas e paisaxes)”. Fotografías evocadoras do pasado mindoniense. Sábado, 30 de abril e domingo, 1 de maio, no Auditorio Municipal “Pascual Veiga” (visitas de 11:00 a 14.00 h., e de 16:00 a 21:30 h.)

Expo-Libro Mondoñedo Feira de libros. Sábado, 30 de abril e domingo, 1 de maio, na Praza Jaime Cabot (de 11:00 a 14.00 h. e de 16:00 a 20:30 h.). No marco da Expo-Libro terán lugar numerosas presentacións de libros que comezarán o sábado cun pregón homenaxe á imprenta, a cargo de Antonio Reigosa. A xornada do sábado dedicarase á presentación de títulos e autores mindonienses e mariñaos (Armando Requeixo, Maka Ledo, Pepe Peinó, Rita Morrigán, José Díaz, Paco Rivas, E. Cal Pardo, X. Ramón Fernández Pacios, Andrés García Doural e Isidro Fernández Villalba) e a do domingo a novidades 2016 coa presentación de títulos do colectivo “O sétimo andar da porta verde” con Mª José Fernández, Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro, Mª Xosé Lamas, Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa.

Tendal de Poesía no Auditorio “Pascual Veiga”. Instalación de traballos con poemas do alumnado dos centros escolares mindonienses. Sábado, 30 de abril e domingo, 1 de maio, no Auditorio Municipal “Pascual Veiga” (visitas de 11:00 a 14.00 h., e de 16:00 a 21:30 h.)


Música
A programación das Feiras e Festas das Quendas tamén conta con actuacións das mellores orquestras galegas, así como coa celebración dun concerto estrela. A noite do venres estará amenizada pola orquestra La Nueva Phila na Alameda; o sábado a sesión vermú será ás 14:00 horas, coa orquestra Salsarena, que actuará tamén pola noite xunto á formación Montreal. Ás 22:00 horas do sábado será o concerto acústico de Mikel Erentxun no Auditorio Municipal Pascual Veiga (a venda anticipada de estradas en Abanca ten un custo de 14 euros e en taquilla de 18 euros). O domingo, a música virá da man da orquestra Principal.
 
As Quendas