O Concello de Mondoñedo convoca dous concursos de relatos e debuxo nos centros educativos con motivo do Día Internacional da Muller.
Organizado polas concellerías de Asuntos Sociais e Educación, o prazo para a entrega dos traballos remata o 4 de marzo.
Tamén se programan charlas sobre Feminismo e Corresponsabilidade no CEIP Álvaro Cunqueiro.
NOTA DE PRENSA
O Concello de Mondoñedo convoca dous concursos, un de relatos e outro de debuxos nos centros educativos da localidade (CEIP Álvaro Cunqueiro e IES San Rosendo), con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
A iniciativa está organizada polas concellerías de Asuntos Sociais (a través do CIM) e pola de Educación. O prazo para recibir os traballos remata o próximo 4 de marzo e a entrega de premios será o 18 de marzo no salón de plenos do Concello de Mondoñedo, onde terá lugar tamén unha charla sobre a muller na historia.
A edil de Servizos Sociais, Ángeles Rodríguez, explica que esta convocatoria permitirá “realzar a figura da muller, algo básico para erradicar as desigualdades existentes e por iso dende o Concello de Mondoñedo queremos poñer en valor o día da muller con distintos actos ao longo do mes”. Así,  dende o Centro de Información a Muller tamén se programaron varias charlas, unha sobre ‘As orixes do 8 de marzo. O feminismo’, que terá lugar no CEIP Álvaro Cunqueiro o 9 de marzo, dirixida aos alumnos de sexto de primaria. Mentres que se celebrará outra charla sobre ‘Corresponsabilidade’ tamén no colexio público da localidade, o mesmo 9 de marzo, neste caso para os alumnos de quinto de primaria. 
Pola súa banda, o edil de Educación, Alberto García, indica que “é importante concienciar dende a infancia que a igualdade é algo moi serio, para evitar que nun futuro se converta nun problema lamentable. Non debemos relaxar nunca a educación dende a tolerancia e o respecto. Educar en igualdade é básico para acabar coa violencia de xénero”.

Concurso de debuxo infantil
No concurso de debuxo infantil, baixo o nome de ‘Debuxando en Igualdade’, poderán participar todos os nenos e nenas matriculados nos centros educativos de Mondoñedo nos cursos de primeiro a sexto de Primaria, establecéndose varias categorías. Unha categoría A, para o alumnado de primeiro e segundo de Primaria, unha categoría B, para o alumnado de terceiro e cuarto de Primaria e unha C, para o alumnado de quinto e sexto de Primaria. 
O traballo consistirá nun debuxo en soporte de cartulina de tamaño mínimo DIN-A4 e máximo DIN-A3 sobre a igualdade entre mulleres e homes en calquera dos ámbitos da vida (familiar, social, laboral...). 
Haberá dous premiados por cada categoría e recibirán lotes de libros e material escolar.

Concurso de relatos curtos
No concurso de relatos curtos, baixo o nome ‘Letras para a Igualdade’, poderán participar todos os rapaces e rapazas matriculados nos centros educativos de Mondoñedo nos cursos de primeiro a cuarto de Educación Secundaria Obrigatoria e primeiro e segundo de Bacharelato, establecéndose tres categorías. Unha categoría A para o alumnado de primeiro e segundo da ESO, unha categoría B para o alumnado de terceiro e cuarto da ESO e unha C para o alumnado de primeiro e segundo de Bacharelato. 
O traballo consistirá nun relato curto, manuscrito, de extensión máxima de cinco follas tamaño DIN-A4, por unha soa cara, sen ilustracións. A temática será a igualdade entre mulleres e homes en calquera dos ámbitos da vida (familiar, social, laboral...). 
Haberá dous premiados por cada categoría e os premios consistirán en lotes de libros e material escolar.