O Concello de Mondoñedo asina un convenio de colaboración con Aseduc para o desenvolvemento dun proxecto de loita contra o VIH/SIDA.
A alcaldesa pon en valor a aposta do Goberno local por sacar adiante actuacións sociais e de contribución coas persoas que sofren diversas problemáticas (sociais, médicas e laborais, entre outras).
O proxecto “Infórmate... perde o medo” inclúe, entre outras, actividades de información na rúa e en conxunto cos servizos sociais do Concello, a realización de probas de VIH/SIDA e sesións en centros educativos.
NOTA DE PRENSA
Mondoñedo, 16 de febreiro de 2016.- O Concello de Mondoñedo vén de asinar un convenio de colaboración con Aseduc (Asociación Socioeducativa para a Educación) para o desenvolvemento de actividades sociais no ámbito do VIH. En concreto, no marco deste acordo promoverase o proxecto de loita contra o VIH/SIDA “Infórmate... perde o medo”, financiado pola Consellería de Sanidade.
O desenvolvemento deste proxecto de loita contra o VIH/SIDA inclúe, entre outras actividades, a realización de probas totalmente anónimas do VIH/SIDA nun local do Concello de xeito gratuíto e confidencial, así como varias sesións, talleres e charlas de grupo que terán lugar en centros educativos da cidade ao longo do ano.
No marco deste convenio que se establece para os anos 2016 e 2017 tamén se promoverán actividades de información na rúa con presenza en eventos festivos de Mondoñedo para informar dos riscos desta enfermidade. Do mesmo xeito habilítase o enderezo electrónico Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo. a través do que se resolveran dúbidas sobre a enfermidade de xeito totalmente confidencial. A mesma función desenvolverase a través da páxina de Facebook “Infórmate, perde o medo”.
Tal e como acordaron dous representantes da Asociación coa concelleira de Asuntos Sociais, Ángeles Rodríguez Rico, e co edil de Educación e Mocidade, Alberto García, para o desenvolvemento desta actividade social o Concello aportará a Aseduc todo o apoio material e humano que permitirá o correcto funcionamento das actividades. Neste senso, inclúese a cesión de locais, o apoio a difusión de actuacións, a colaboración en organización e coordinación das actividades e a colaboración dos servizos sociais da administración local.
A alcaldesa, a popular Elena Candia, pon en valor a aposta do Goberno local por sacar adiante actuacións sociais e de contribución coas persoas que sofren diversas problemáticas (sociais, médicas, laborais, etc.). O edil de Educación e Mocidade referiuse dun xeito concreto a que o principal obxectivo “será o de dar a coñecer os riscos dunha enfermidade que se cría superada pero que volve a repuntar, especialmente entre persoas homosexuais, pero que tamén está presente en individuos heterosexuais".
Concretamente, segundo o informe VIH 2015, do Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad, a transmisión en HSH foi a máis frecuente, cun 53,9%, seguida da transmisión heterosexual, que supuxo un 26,0%, e a ocorrida en persoas que se inxectan drogas (PID), que sumou un 3,4% . Polo tanto, o 79,9% dos novos diagnósticos de VIH en 2014 tiveron a súa orixe na transmisión sexual. De xeito que, "segue a ser importante educar nos riscos desta enfermidade que non deben caer no esquecemento pola aparencia de ser unha enfermidade, da que afortunadamente, xa non se morre, pero da que debemos de seguir moi pendentes dende as administracións, especialmente para protexer á poboación nova", asegura o edil de Educación.