O Concello homenaxea este sábado ao músico Manuel Araújo polo 25 aniversario do seu pasamento.
O acto será ás 20:00 horas no auditorio Pascual Veiga e incluirá cunha representación teatral, un recital de poesías e un concerto musical. O edil de Educación defíneo como unha figura polifacética e versátil que “inculcou a música a rapaces e rapazas do seu barrio”.
NOTA DE PRENSA
Mondoñedo, 9 de marzo de 2016.- O Concello de Mondoñedo organiza este sábado 12 de marzo unha homenaxe ao músico Manuel Araújo, polo 25 aniversario do seu pasamento. O acto será ás 20:00 horas no auditorio municipal Pascual Veiga da localidade e estará presentado por Fran Bouso.
O edil de Educación, Alberto García, explica que o programa inclúe unha exposición fotográfica sobre Manuel Araújo de quen destaca que “inculcou a música a rapaces e rapazas do seu barrio”. Toño da Tasca foi o encargado de ceder o material fotográfico sobre o artista e o cronista oficial de Mondoñedo, Antón Reigosa, fará unha breve reseña bibliográfica do músico mindoniense.
Os asistentes poderán desfrutar dun recital de poesías da man de Belén Ramos e Arcadio Mon, ademais dun concerto musical coa participación de Silvia Campos, Arcadio Mon, Sito Sedes e José Manuel ‘Malelo’.
Ademais de músico, Araújo tamén foi creador teatral, polo que este sábado representarase no auditorio unha das súas obras, interpretada por Paco Piñeiro e María Paz Rodríguez.
Pola súa banda, o Concello faralle entrega á familia de Araújo dunha placa conmemorativa.
Manuel Araújo
Manuel Araújo foi unha figura polifacética e moi versatil. Naceu en Portugal pero a vida tróuxoo a Mondoñedo con poucos anos. “Cunha infancia complicada foi un home que se fixo así mesmo, con inquietudes que sorprendían a todo aquel que se atopaba polo seu camiño”, reseña Alberto García.
Araújo non foi só músico, senón que tamén foi creador teatral e actor en xéneros tan dispares como o dramático e o cómico e formaba parte dun dúo cómico. Dentro do seu carácter polifacético, o edil tamén engade que foi porteiro de fútbol do daquela “moi importante equipo”, o Luarca F.C., ao que se suma o seu carácter empresarial, xa que nos últimos anos da súa vida rexentou un bar, “que podemos comparar co tipo de establecemento que aglutinaba a cultura local, como podía ser a Barbería do Pallarego”, di o concelleiro.
Polo tanto é, matiza Alberto García, dende o punto de vista da cultura popular, “unha figura merecente dunha homenaxe como a que vai ter lugar este sábado, que todos os mindonienses, especialmente os máis novos, debemos de coñecer”.
Homenaxes a personaxes mindonienses
Por último, o edil indicou que é intención do Goberno local, “facer homenaxes a persoeiros menos coñecidos da nosa cidade, pero que a súa actividade ten contribuído a facer un Mondoñedo máis grande, moitas veces en igual medida que os nosos ilustres con máis sona, como poden ser Álvaro Cunqueiro, Pascual Veiga ou Leiras Pulpeiro”.
Alberto lembra que dende o Concello puxéronse xa en marcha outras homenaxes a representantes de distintas artes culturais, como á actriz Manuela Rei, coa celebración durante este 2016 dun ciclo de teatro, os últimos sábados de cada mes; ou á de Victoriano López García, “mindoniense que dedicou a meirande parte da súa vida ao mundo do cine”.