NOTA DE PRENSA - A situación da Facenda municipal obriga a un exercicio responsable de austeridade e control do gasto. O cabeza de lista do BNG accedeu a reunirse co PP onte luns e comprometeuse a estudar a oferta dos populares para conformar o futuro goberno local.

Mondoñedo, 07 de xuño de 2011
- O Partido Popular de Mondoñedo comprométese a, se os deixan gobernar como lista máis votada, reducir o gasto das dedicacións  exclusivas dos membros do equipo de goberno tanto no seu número como no seu custe, o que suporía un considerable aforro para as arcas municipais. Os populares creen que a situación da Facenda local e o contexto global de crise económica obriga a efectuar un exercicio de responsabilidade que pasa ineludiblemente polo control do gasto e a austeridade. “Canto menos gastemos no goberno, e máis nos servizos e obras que se lle prestan aos veciños, moito mellor”.
 
Este foi a nova proposta efectuada pola alcaldable popular Elena Candia a poucos días da configuración da nova corporación municipal prevista para a sesión plenaria que terá lugar este sábado. E esta tamén era unha das principais novidades que tiña intención de trasladar o PP ao PSOE e ao BNG nas reunións convocadas con ambas forzas políticas para o día de onte, luns 6 de xuño, e á que finalmente tan só acudiu Orlando Expósito do Bloque Nacionalista Galego.
 
A edil que encabezou a lista electoral con máis apoio entre os veciños de Mondoñedo, Elena Candia, lamentou que o PSOE nin tan sequera estea pola labor de reunirse e agradeceu, pola contra, a asistencia do cabeza de lista do BNG a quen quixo explicarlle o contido do denominado “pacto polo futuro de Mondoñedo”. Lembremos que a oferta popular incluía incluso a posibilidade de que, se o PP accede á alcaldía como forza máis votada, estaría disposto a darlle espazo a PSOE e BNG tanto na Comisión de Goberno como, no seu caso, nun hipotético goberno local (cedéndolles algunha concellaría). A edil popular sinalou que o cabeza de lista dos nacionalistas comprometeuse a estudar a proposta e falalo co seu grupo municipal, polo que están á espera da súa resposta.