O pasado día 17 do actual tivemos a gozosa oportunidade de asistir en Mondoñedo ó acto co que remataban as celebracións que ó longo do ano tiveron por marco distintas vilas e cidades de Galicia, co gallo de cumprirse os cen anos do nacemento do eximio escritor, o mais ilustre fillo da cidade episcopal: Álvaro Cunqueiro.
Os mindoniense, unha vez máis, deron a talla amosando ós centos de asistentes o que é o seu tradicional talante, o talento, o enxeño e as dotes para canto ten que ver coa cultura, expresada, sobre todo, a través da arte de Talía, de grande vistosidade, e a música vocal ou instrumental, facetas que foron prodígadas ó longo da noite.
Unha singular “Noite de Merlín”, que tivo como motivo central a representación en cuxa montaxe participaron uns 200 veciños, de tódalas idades, baixo guión de Elías Noel Fdez. Ferreira e a colaboración da Escola de Música, dirixida por Xan Carballal; Paco Piñeiro e persoal técnico dos grupos dos que é creador e director e Isidoro Rodriguez e Mita Adriana, avezados creadores e directores de espectáculos de música e danza, que na obra concebida para a ocasión, fixeron de relator e bailarina principal. A imaxinación e a fantasía, que non podían faltar na homenaxe ó gran fabulador, mantiveron a cotío o expectante interese dun público entusiasta e moi numeroso que vivíu a experiencia inesquecible dunha noite lúdica nun entorno inigualable: as rúas mindonienses que gardan entre as vellas pedras, labradas por históricos artesáns, as ancestrais melodías dos seus músicos insignes e os versos dos poetas do seu nutrido parnaso, todo o feitizo e o engado da vella e romántica cidade. Non é doado, noutro lugar, disfrutar de tanta beleza.
Os colectivos locais “Xoldra”, ”Pasatempo”, “Pena do Unto”e o numeroso público marcharon, dende a praza da catedral, ata o auditorio, con breve alto na praza do concello para, dende o balcón do mesmo,o gobernador das Terras de Miranda (personaxe interpretado polo alcalde de Mondoñedo),dirixirse a tódalas xentes das Terras de Miranda implorando a volta da maxia e da luz á cidade e á sua bisbarra, ceibando a cada intre, naquel ambiente ledo e festivo, o berro reivindicativo:
“¡ Queremos luz!”.
Pola mañán tivera lugar unha Táboa Redonda coa participación de Armando Requeixo, profesor ; Antonio Reigosa, escritor, presentados e moderados por Fran Bouso, mestre. Foi rendida alí homenaxe ó carismático “Merlín” que personifica Manolo Montero que coa súa presencia polas rúas contribue moi eficazmente a popularizar o mítico personaxe cunqueirano e con él o nomde da cidade. .O profesor, escritor, poeta e director de teatro Francisco Piñeiro presentou unha brillante moción sobor do teatro na obra de Cunqueiro que leo a súa dona Paz, coa galanura e a sensibiidade da grande actriz que é, pois Paco non puido redondear coa súa presencia o importante traballo realizado na montaxe de tan exitoso evento: aquel día tivo que cumplir ca triste obriga de dar sepultura ó seu pai.Vaia novamente para o querido e admirado amigo a expresión do noso sentimento.
Cabe destacar o esforzo titánico de quenes foron os inspiradores do evento : Luis Fdez. Ansedes e os compañeiros de directiva da asociación “Abrindo Camiño” entidade organizadora desta edición especial de A Noite de Merlin.
E en todo caso a exemplar actitude dos mindonienses que deron unha lección de bó facer. ¡Sempre Mondoñedo!
SUSO FERNÁNDEZ
NOTA: LAS OPINIONES VERTIDAS EN ESTE ESPACIO SON DE EXCLUSIVA RESPONSABILIDAD DE SUS AUTORES Y NO REPRESENTAN NECESARIAMENTE LA OPINIÓN DEL EDITOR. Para publicar un artículo firmado en esta sección escribir a: