O venres tivo lugar unha nova xuntanza da mesa de seguimento na que participan Xunta (Consellería de Economía e Industria e Xesgalicia), Concello de Mondoñedo e grupos políticos municipais. Este foro naceu principalmente para o fomento do emprego na cidade e na procura de alternativas de futuro nunha comarca lastrada por coñecidas crises empresariais.

Cando desde o PP impulsamos esta iniciativa -materializada xa na segunda das súas reunións- asumimos o compromiso de implicarnos ao máximo nun exercicio de responsabilidade cos nosos veciños e co futuro de Mondoñedo. A pesar de non ser os que temos a responsabilidade do Goberno municipal, quixemos sumar a todas as administracións que se amosaron dispostas a colaborar neste obxectivo e -á vista está- lideramos as iniciativas de impulso, as propostas e alternativas que entendemos máis útiles e necesarias.

Hai que lamentar que haxa quen, desde o Goberno municipal, vexa as nosas achegas desde a desconfianza e desde a visión miope do sectarismo político. Son incapaces de espirse da súa obsesión partidista,  aínda conscientes de que facéndoo estarán contribuíndo á procura do mellor para Mondoñedo.

Vamos e iremos ás sucesivas reunións desta mesa de seguimento cos deberes feitos. E non poden pedirnos que renunciemos a facelo. Entre  outras razóns porque as liñas de traballo que expoñemos non son a folla de ruta do PP, senón a suma produtiva e construtiva das iniciativas que os propios veciños de Mondoñedo, asociacións e emprendedores foron achegando en reunións previas que os populares organizamos con persoas e achegas de todas as sensibilidades políticas, ás que por certo quero reiterar o meu agradecemento público e sincero.

Un exercicio de responsabilidade e de compromiso sincero con Mondoñedo obriga ao PP a dar a coñecer aos veciños as súas propostas. Temos o deber de informar. Cabe esperar que o Goberno municipal faga o propio. E, sobre todo, que centremos os nosos esforzos en falar sobre iniciativas que incentiven  a comarca e do moito que podemos facer polos nosos veciños e non, en polémicas estériles ou lamentacións sobre o protagonismo  perdido.

Falemos das propostas que deixamos sobre a mesa: De reactivar a economía con iniciativas como o desenvolvemento sostible da xestión forestal, concretamente das actividades da biomasa. Falemos sobre a dinamización do sector turístico para xerar emprego, conscientes do moito que Mondoñedo ten que ofrecer e sensibilizando aos nosos veciños e emprendedores das posibilidades de negocio que deseña este sector. Deamos a coñecer as moitas liñas de apoio como o Impulsa Lugo que hoxe existen para autónomos e PEMES, grandes creadores de riqueza e emprego estable.

Mondoñedo é a nosa prioridade. O lugar no que creo. O único obxectivo do PP é o de contribuír a mellorar a cidade e cumprir dende a oposición o programa electoral. Guste ou moleste. Atopémonos ou non coa actitude pouco colaboradora por parte de aqueles que deberan ser os primeiros en defender ao seu concello. Non vamos a deixar de facelo. Estamos traballando a reo por Mondoñedo e por ofrecer alternativas convencidos de que nesta terra hai moito futuro. Teño -en primeira persoa-, temos  -todos nós- a indiscutible obrigación de intentalo.

Elena Candia López, Portavoz do PP de Mondoñedo


NOTA: LAS OPINIONES VERTIDAS EN ESTE ESPACIO SON DE EXCLUSIVA RESPONSABILIDAD DE SUS AUTORES Y NO REPRESENTAN NECESARIAMENTE LA OPINIÓN DEL EDITOR. Para publicar un artículo firmado en esta sección escribir a:   Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.