Tralo féretro o abade de Beiro, amoucado, enxugaba a cada pouco a fronte e a caluga co pano da man, fungaba abafado e, mentres cataba a desolación dos campos que percorrían, bisbaba: “Non, en Madrid xamais debía de ser soterrado”. Acompañaba Basilio Álvarez, como un galego máis, o cadaleito de Pascual Veiga dende a casa da rúa Marqués de Urquijo, onde vivira, ata o cemiterio da Almudena. O sol de xullo varría os secos ermos e erguía unha poeira nos campos abertos de Las Ventas. A comitiva fúnebre seguía en silencio a carroza que portaba o cadaleito do músico e o propio silencio absorbía as pegadas dos acompañantes. Nada daquela paisaxe casaba coa Alborada, advertiu o crego agrarista de verbo aceso e, mentres pousaban o ataúde na foxa e deitaban sobre el as primeiras padas, maliciou que alí, en Madrid, a terra non lle ía ser leve.
A rúa dos Templarios descorre ó carón do muro norte da catedral de Mondoñedo. Dálle (habería que dicir mellor que llo daba) o nome unha construción coñecida como a Torre, probablemente do século XVI, que conserva gravada nun dos seus linteis a cruz daquela orde. A primitiva construción ampliouse cunha posterior edificación erguida no soar dianteiro e comunicada con ela. Na actualidade a casa está sinalada co número 11 e nela naceu, o 9 de abril de 1842, Pascual Manuel Francisco Veiga Iglesias, fillo de Manuel María da Veiga e Josefa Iglesias. A rúa, hoxe, leva o nome do compositor.
Cando contaba dez anos ingresou como neno de coro na capela de música da catedral, na que permanecerá ata 1864. Débelle a súa primeira formación musical ó mestre da capela José Pacheco, quen o presentara ó cabido para a praza, como sete anos antes fixera co seu irmán Manuel María da Veiga.
En 1856, co consentimento de Pacheco, inicia a aprendizaxe do órgano da man de Rafael Tafall Abad, titular do beneficio de organista. Ó trasladarse este á catedral de Santiago, optou á praza vacante malia non ter a idade mínima requirida na convocatoria da oposición, como tampouco a acadaba outro dos pretendentes, o lugués Xoán Montes. Ambos os dous foron admitidos a título de meritorios, sen posibilidade ningunha, xa que logo, de conseguir a praza, mais só Pascual Veiga chegou a realizar os exercicios, celebrados en febreiro de 1862, que se lle aprobaron. Obtivo o beneficio de organista Nicolás Coronas, e Veiga, que canda o seu compañeiro Antonio López probablemente desempeñara o cargo durante a vacante, substituirao nas súas ausencias e enfermidades.
Ó ano seguinte convócanse oposicións a organista para a colexiata de Covadonga. Veiga obtén permiso do cabido para ausentarse da capela e concorrer ós exercicios, que mesmo chega a aprobar, mais desta volta tampouco logrou a praza.
O 18 de xaneiro de 1864 Pascual Veiga diríxese ó cabido co fin de que se lle consinta deixar a capela de música mindoniense para instalarse na Coruña, onde lle ofrecen o devecido emprego de organista. A colexiata daquela cidade sinálalle uns emolumentos de 10 reais diarios, cantidade ben superior á que percibía en Mondoñedo. E se ben a mellora pecuniaria resultaba atractiva para un home que sempre abaneará entre a pobreza e a miseria, non parece que as razóns económicas foran o único motivo polo que Veiga desexaba marchar da cidade episcopal. O cronista Eduardo Lence-Santar, autor dunha inédita e desaparecida biografía de Veiga, reitera en diversos traballos sobre o compositor a decisión deste de abandonar Mondoñedo para sempre e infórmanos dos seus motivos: a consecuencia dun noivado rexeitado pola acomodada familia da moza, parentes desta e outros influentes individuos achegados á familia, promoveron unha inaturable campaña de descrédito da insignificante figura de Veiga, quen xurou que xamais volvería pisar Mondoñedo. E así foi, cando menos mentres viviu.
Instalado na Coruña, compaxinará o seu emprego como organista da colexiata (da que refundará a súa capela de música en 1875), co ensino do piano a particulares e, dende 1888, co de profesor de solfexo na Escola de Belas Artes, dependente esta da Deputación Provincial. Son pequenos traballos que malamente dan para sacar adiante unha familia numerosa. En 1892, se cadra coa intervención do ministro canovista Aureliano Linares Rivas, obterá praza no Conservatorio de Música, en Madrid, onde fixa a súa residencia.
Ó longo da súa vida Veiga despregou unha intensa actividade como impulsor e director de agrupacións corais. Ó ano da súa chegada á Coruña aparece dirixindo a coral da sociedade Fraternidad Juvenil, e sucesivamente ira fundando e dirixindo os orfeóns Brigantino, Coruñés, El Eco e Coruñés nº 4. En Madrid dirixirá cando menos outros dous orfeóns: o Matritense e o do Centro Galego.
Con estes orfeóns acude ós certames musicais organizados por toda Galicia, acadando sonados éxitos e suscitando non menos estrondosas polémicas. Co Coruñés nº 4, e con obras case todas elas da súa autoría, compite coas mellores corais do mundo na Exposición Universal de París de 1889, na que o coro obtén o 1º premio e suponlle ó seu director a condecoración de oficial da Academia, outorgada polo goberno da República Francesa.
Aínda que se lle ten achacado a Veiga ser autor dunha única obra, a Alborada Galega (1880), que abondaría por ela soa para inmortalizalo, o mindoniense foi un compositor prolífico. Descoñecida para moitos aínda a existencia do Himno Galego (do que asina a partitura en 1890), os seus coetáneos consideraron a Alborada a máxima representación musical e emocional das esencias de Galicia, unha composición a modo de himno non oficial, que concitaba baixo os seus compases a aquiescencia de todos os sentimentos e vontades dos galegos e que se interpretaba nas ocasións solemnes nas que, dende 1907, se executa o Himno. Tapia Rivas foi moi elocuente ó respecto: “Veiga fixo coa súa Alborada a prol da dignidade e rexeneración de Galicia moito máis do que lexións de xentes que sen esas inspiracións pretenderon redimila”.
Autor de música relixiosa, da que dera temperás mostras en Mondoñedo e na que se aplicaría máis tarde na colexiata da Coruña; de festivas composición para comparsas de Entroido, de valses, muiñeiras, mazurcas, barcarolas,... o músico mindoniense legounos, alén das dúas xeniais obras, unha manchea de partituras tituladas Galegos. ¡A nosa terra!, Os ártabros, Una noche en Nápoles, La escala, A los doce años, Recuerdo a Mr. Percire, As artes, El canto del pescador, Alborada nº 2,... Algunha delas aínda permanecía inédita á morte do compositor.
Pascual Veiga, aquel home miúdo, soturno, case misántropo, ás veces soberbio e ás veces menosprezado, picado polo tabán da bohemia e sempre malquerido da fortuna, en palabras de María de los Ángeles Vázquez “naceu artista e naceu pobre, ... viviu, loitou, e vencido pola sorte, seguiu sendo pobre”. Morreu en Madrid. Fíxoo o 12 de xullo de 1906.