NOTA DE PRENSA - O gasto do persoal político para os vindeiros catro anos volve a
ser de case 50 millóns das antigas pesetas e obrigará aos mindonienses a
asumir o pago dos salarios e da seguridade social, sen contar dietas,
das dúas persoas con dedicación exclusiva, isto é, dos dous tenentes de
alcalde: un do PSOE e outro do BNG.
Elena Candia dubida da rendibilidade social destas dedicacións e lamenta que o bipartito non aprendera nada despois do mal resultado electoral acadado o 22M por PSOE e BNG, pois deciden repetir de xeito case idéntico o reparto das dedicacións e delegacións da pasada lexislatura.
Elena Candia dubida da rendibilidade social destas dedicacións e lamenta que o bipartito non aprendera nada despois do mal resultado electoral acadado o 22M por PSOE e BNG, pois deciden repetir de xeito case idéntico o reparto das dedicacións e delegacións da pasada lexislatura.
Mondoñedo, 21 de xuño de 2011 - O Partido Popular só apoia, tal e como adiantou a súa portavoz Elena Candia nas pasadas datas, o recoñecemento dunha única dedicación exclusiva para os membros do Equipo de Goberno que debera recaer ademais na figura do alcalde. Os populares insisten en que calquera outra decisión será especialmente prexudicial para a Facenda municipal e ademais carece da necesaria rendibilidade social, pois en nada beneficia aos veciños de Mondoñedo e responde só a intereses persoais dos membros do bipartito.
Os populares non comprenden como nun contexto xeral de crise, que afecta dun modo directo e moi particular ao Concello de Mondoñedo, -“e eles foron os primeiros en recoñecelo e en repetilo constantemente”- o bipartito en vez de decidir aplicar políticas de aforro e austeridade volven a cometer o mesmo erro da pasada lexislatura e “liberan” aos dous tenentes de alcalde, asumindo un custe do persoal político “totalmente evitable, e superior aos 5.000 euros mensuais, só en salarios e seguridade social e sen contar dietas”.
Elena Candia indicou que o Goberno municipal con esta decisión “desoe totalmente” a opinión dos mindonienses que, como puido comprobarse co resultado electoral acadado o pasado 22 de maio, “esixían un cambio e un xeito distinto de gobernar nos vindeiros 4 anos”. Os populares consideran incomprensible que lonxe de rectificar, BNG e PSOE “volvan a repetir dun xeito practicamente idéntico tanto a distribución das dedicacións como das concellerías municipais”.
Os populares entenden especialmente errado que non sexa o alcalde quen asuma a responsabilidade da xestión municipal con dedicación exclusiva, tal e como acontece na maioría dos concellos de Galicia e da comarca, e insisten en que só intereses persoais apartan ao rexedor da súa responsabilidade como “a figura institucional chamada a liderar o proxecto político municipal durante os vindeiros catro anos”.
Elena Candia explicou que non lle vale a “escusa” empregada polo alcalde para renunciar á súa dedicación exclusiva, facendo mención a que o Concello non pode asumir un salario similar ao que percibe na súa tarefa profesional privada. A portavoz popular explica que este mesmo requisito de equilibrio entre o que teñen previsto recibir do Concello e o soldo que percibirían na súa actividade privada non se está a ter en conta se falamos dos dous concelleiros con dedicación exclusiva actuais, que reciben un salario moi superior ao que viñan percibindo co seu traballo particular.
Finalmente os populares salientan a nula rendibilidade social do custe que para os veciños de Mondoñedo terán os salarios do persoal político liberado, e sinalan que só durante a pasada lexislatura, e sen contar dietas, este gasto dos membros con dedicación exclusiva –que hoxe volve a repetirse para os próximos catro anos- ascendeu a preto de 300.000 euros, case 50 millóns das antigas pesetas. Un custe que non tivo o seu necesario reflexo na consecución de investimentos, novas obras ou servizos en beneficio de Mondoñedo.