Merliños
O Goberno local de Mondoñedo colabora coa apertura do centro de ocio ‘Merliños’, que crea tres postos de traballo. 
A iniciativa, pilotada por tres mulleres, ofrece servizos e actividades durante todo o ano para nenos e nenas de 2 a 12 anos.
O Concello cédelles instalacións municipais para o desenvolvemento da actividade e cóbralles un aluguer social para contribuír á súa implantación.
 


NOTA DE PRENSA
O Goberno local de Mondoñedo colabora coa apertura do centro de ocio ‘Merliños’, cuxa inauguración tivo lugar esta mesma tarde cunha xornada de portas abertas no recinto do Colexio de Mondoñedo, no edificio Novo.
A súa posta en marcha implica a creación de tres postos de traballo. As promotoras, Alba, Nerea e Itzíar, agradecen a axuda do Concello para que esta iniciativa bote a andar. En concreto, o Goberno local cede instalacións municipais para este centro de ocio, atención e formación á infancia ao tempo que lles ofrece un aluguer social. Tamén lles prestou asesoramento e colaboración na adaptación das instalacións.
As actividades están destinadas a nenos e nenas de entre 2 e 12 anos e inclúen propostas de cara o verán, servizo de biblioteca, atención á infancia e apoio escolar, organización de cumpreanos e festas temáticas, entre outras. Tamén funcionará como gardería para os nenos e nenas maiores de 2 anos.  O centro estará aberto durante todo o ano. Tamén están a estudar poder ofrecer o vindeiro curso o servizo de madrugadores.
O horario inicial será de 8 da mañá a 14:00 horas e de 16.00 horas a 21:00 horas. As promotoras explican que será adaptable en función da demanda dos pais e nais, o que permitirá favorecer a conciliación laboral e familiar.

A alcaldesa, a popular Elena Candia, subliña a importancia de colaborar desde as administracións públicas con iniciativas que “non só xeran postos de traballo, o que consideramos importantísimo, senón que ademais ofrecen un servizo de suma importancia para unha cidade como Mondoñedo e que vai permitir avanzar na conciliación da vida familiar e laboral”. Valora, ademais das iniciativas que achegan as promotoras do proxecto, o bo estado no que quedaron as instalacións nas que prestarán os seus servizos. 
 
Merliños
 
Merliños
 
Merliños