O PP local ponse a disposición dos gandeiros de Estelo e Tronceda ante as dúbidas e discrepancias no saneamento. O grupo local pídelle ao rexedor mindoniense que non politice un problema que repercute negativamente na vida dos gandeiros da zona e esíxelle que traballe por defender a actividade dos gandeiros e non por poñerlle atrancos.

NOTA DE PRENSA
Mondoñedo, 19 de marzo de 2012 - O Partido Popular de Mondoñedo ponse a disposición dos gandeiros de Estelo e de Tronceda, na parroquia dos Remedios, para desenvolver de maneira positiva a actividade que  sustenta as economías familiares da zona e resolver así as dúbidas e discrepancias que xiran en torno ao proceso de saneamento vacún.

A portavoz local do Partido Popular, Elena Candia, reiterou o compromiso do Partido Popular cos veciños da zona na procura de solucións e na resolución das discrepancias que poidan xurdir no proceso de saneamento de forma que non repercutan de forma negativa para os gandeiros. Candia fai estas declaracións tras que o alcalde local se persoara esta mañá na zona de Estelo e Tronceda e paralizara o proceso de saneamento sen ter claro o motivo que xustifica tal actitude.

Candia pídelle ao rexedor que non politice un tema de “gran sensibilidade para os veciños da zona” e esíxelle ao bipartito que, por primeira vez, defenda o traballo do gandeiro e procure actuacións que permitan a resolución das discrepancias en vez de asumir competencias que non están dentro das súas responsabilidades.

Ante esta situación, mañá responsables do departamento do Medio Rural manterán unha xuntanza cos membros da directiva representativa dos veciños da zona para informar dun proceso de saneamento, que segue o protocolo de actuación estipulado baixo a normativa reguladora correspondente.

Candia cre que esta actitude de ofrecemento de información e de procura de consenso e de solucións sempre a prol dos traballadores é a pauta de traballo a seguir, antepoñendo sempre a defensa da actividade gandeira, principal modo de subsistencia dos veciños da zona. Ante isto, Candia cualifica de irresponsable o proceder dun goberno bipartito que leva tres anos sen preocuparse por unha problemática que conlevou importantes perdas económicas na zona ao non serlles concedida a carta verde aos verde aos gandeiros. Agora, tras esquecerse desta problemática, segundo di Candia, o BNG e o PSOE pretenden asumir competencias que non están baixo a súa responsabilidade e politizar así un problema de vital importancia para os gandeiros.