Susana
A paratriatleta Susana Rodríguez Gacio será a pregoeira das San Lucas 2016, as feiras máis antigas de Galicia que este ano celebran a súa edición número 860. 
A deportista, que compite nas paraolimpiadas de Río deste ano, ten orixes mindonienses, en concreto da parroquia de Argomoso.
O presidente da asociación organizadora das festas considera que Susana Rodríguez Gacio é “a mellor embaixadora que poden ter as nosas feiras na súa 860 edición”.
 
 
Nota de prensa
A triatleta Susana Rodríguez Gacio será a pregoeira das San Lucas 2016, as feiras máis antigas de Galicia que este ano celebran a súa 860 edición. A deportista, campioa mundial de paratriatlón e que compite nas paraolimpidas de Río, ten orixes mindonienses, en concreto da parroquia de Argomoso.

O presidente da asociación organizadora das feiras, Miguel Souto, considera que a atleta  “é a mellor embaixadora que poden ter as nosas feiras e festas este ano. Un dos obxectivos que nos propoñemos dende a organización é o de dar a coñecer as feiras máis antigas de Galicia por todo o mundo e Susana vainas levar alén do Atlántico a esas terras ás que emigraron, tempos atrás, moitos galegos que aínda conservan na súa memoria As San Lucas”.

Miguel Souto desvela que a proposta de ser pregoeira das San Lucas “foi aceptada dende o primeiro momento por Susana, a quen, segundo  nos trasladou, lle fixo moi feliz esta petición”. De feito, segundo engade o presidente da asociación As San Lucas, Rodríguez Gacio fíxolle saber que “preparará o pregón unha vez regrese das paraolimpiadas de Río e díxonos que lle gusta escribir e esta será unha boa oportunidade para afondar no coñecemento sobre a historia de Mondoñedo”.
A maiores, Souto fixo unha comparativa entre os valores olímpicos e  a organización das San Lucas. “Excelencia, amizade e respecto son os valores olímpicos algo que tentamos acadar a través das feiras e festas de Mondoñedo pois tentamos superarnos ano a ano na procura da excelencia; a amizade é palpable durante os días de celebración cos múltiples encontros que se producen e sempre temos presente o respecto polas tradicións”.

Susana Rodriguez Gacio, naceu en Vigo o 4 de marzo de 1988, debido ao traballo de seus país nesta cidade, porén a súa familia é mindoniense. Segundo Souto a triatleta lembra coma un dos seus primeiros recordos de Mondoñedo as  festas de San Pedro (Argomoso) no que había baile, procesión e unha concorrida comida familiar. Susana Rodríguez Gacio presenta unha condición xenética que lle provoca albinismo oculocutáneo, polo que carece de pigmento no pelo, pel e ollos e a súa capacidade de visión está por debaixo do 10%. Posúe o título de Fisioterapia e rematou este ano os estudos de Medicina na Universidade de Santiago. O vindeiro curso ten previsto comezar a especialización en Medicina física e rehabilitación.