As Quendas 2015A Asociación As San Lucas dá a coñecer o programa das feiras e festas de “As Quendas 2015”.
As Quendas brillarán con intensidade entre o 30 de abril e o 3 de maio a través dun  amplo programa que inclúe a tradicional feira de gando e novidades culturais, deportivas e musicais.
Miguel Souto, quen asegura que o reto é que As Quendas sexa o mellor destino feiral e cultural, destaca a celebración da segunda edición da actividade cultural Mondoñedo é Poesía que o día un de maio convoca a “trece poetas, tres músicos e entorno a 20 debuxantes que amosarán as súas creacións en diferentes rúas, prazas e espazos da cidade e no auditorio Pascual Veiga”.
O presidente da asociación As San Lucas resalta as actividades deportivas entre as que se atopan a organización do Pequebásquet, o sábado día dous, ou a carreira de montaña “A Toxiza Classic Xtreme”, o domingo día 3.

NOTA DE PRENSA
Lugo, 11 abril 2015: O presidente da Asociación As San Lucas de Mondoñedo, Miguel Souto, deu a coñecer esta mañá a programación das Feiras e Festas de As Quendas para este ano, que brillarán con intensidade entre o 30 de abril e o 3 de maio, a través dun amplo programa que inclúe a tradicional feira de gando cabalar xunto a actividades culturais, deportivas e musicais.

Miguel Souto asegurou que o reto da Asociación organizadora é que As Quendas sexa o mellor destino feiral e cultural. O venres día un de maio, o Campo da Feira acollerá a Gran Feira Tradicional de Gando Cabalar e durante esta edición, a organización incrementou nun 14% os premios dos que farán entrega.

O día un é o día grande das feiras e festas de As Quendas, pero a celebración xa arrinca o 30 de abril co pregón ás 20:15 horas no Auditorio Municipal Pascual Veiga, pronunciado por Patricia Martínez Paz (mellor nota de Galicia na proba de acceso á Universidade no 2014 e Premio Extraordinario de Bacharelato). Á noite actuará a orquestra Capitol e a  artista revelación galega Mar Davila.

Venres 1 de maio
Souto deu a coñecer que o venres 1 de maio, ademais da Gran Feira Tradicional de Gando Cabalar As Quendas, que dará comezo ás 9:00 horas; a programación inclúe no seu día grande a actividade cultural Mondoñedo é Poesía, que convoca nesta segunda edición (tras o éxito da do 2014), a 13 poetas, tres músicos e arredor de 20 debuxantes que amosarán as súas creacións en diferentes rúas, prazas e espazos da cidade e do Auditorio Municipal.

A maiores, o día un de maio tamén terá lugar a IV Edición das Xornadas Gastronómicas da Carne de Poldro, con degustación de balde na Alameda dos Remedios, servida polo Bar Pulpería “O Bigotes”, entre as 13:00 e as 14:00 horas e as 20:00 e as 21:30 horas. Durante todo o día tamén haberá degustación de empanada nos locais de hostalería da cidade.

A xornada rematará coa actuación na Alameda das orquestras Principal e D'Moda.

Sábado 2 de maio
O sábado 2 de maio celebrase a actividade deportiva Pequebásquet, un encontro entre decenas de rapaces de toda a provincia que poderán desfrutar dunha xornada de deporte e cultura ao tempo que conviven con outros nenos e nenas. Os rapaces, segundo asegura Miguel Souto, xogarán varios partidos de baloncesto onde “o resultado non existe, pois ganar e perder é o de menos. Queremos que todos ganen”.  Esta actividade dará comezo ás 11:00 horas, no pavillón de deportes.

Durante esta xornada continuará tamén a celebración das xornadas gastronómicas de carne de poldro nos bares e mesóns da cidade; e ás 17:00 horas, no recinto da Granxa, terá lugar a Exhibición e Concurso Hípico de Salto a cargo de Hípica Ecus de Lugo. Tamén as 11:30 horas, celebrarase a Ruta Cunqueiriana, guiada por Xosé Ruíz Riz, aberta a todo o público e no que se levará ao visitante polos lugares máis frecuentados polo xenial escritor mindoniense.

A música nesta xornada correrá a cargo das orquestras Salsarena e Montreal e as 21:30 horas terá lugar o concerto acústico de Kiko&Shara, no auditorio municipal Pascual Veiga. A entrada é de 10 euros e o teléfono de reservas é 665 892 419.

Domingo 3 de maio
As actividades deportivas continuarán o domingo día 3. As 8:30 horas arrincará a primeira Carreira de Montaña “A Toxiza Classic Xtreme”. O presidente da Asociación as San Lucas explica que se trata dunha carreira de montaña de 40 quilómetros de percorrido de carácter popular, con saída da praza da catedral de Mondoñedo e que percorrerá os montes máis emblemáticos da zona: A Toxiza, a reserva natural da Fragavella e a Pena da Roca.

No último día das feiras e festas de As Quendas as Xornadas Gastronómicas da Carne de Poldro tamén continuarán nos locais de hostalería mindonienses, con tapeo nos bares e mesóns da cidade con carne de poldro galego.

Por último, ás 18:00 horas terá lugar unha xornada de Xoldra Teatro no Auditorio Pascual Veiga e a mediodía a sesión vermú correrá a cargo da Orquestra Montreal.

As Quendas

As Quendas, cartel