Elena Candia agradece a visita da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e a súa boa disposición en relación ás demandas planteadas.
A conselleira informou á rexedora de que “nun breve prazo de tempo” se redactará o proxecto básico de execución de dous edificios na Rúa Muíños.

NOTA DE PRENSA
Mondoñedo, 9 de novembro de 2015.- A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, agradece a visita que esta mañá realizou á localidade a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, coa que puido manter unha xuntanza de traballo. Candia felicítase ademais pola boa disposición de Ethel Vázquez sobre os asuntos que trataron.
En concreto, a rexedora trasladoulle a importante da posta en valor, en canto sexa posible, dos inmobles que a Consellería ten en Mondoñedo, nomeadamente no Barrio dos Muíños. Ethel Vázquez trasladou o seu compromiso co comezo “nun breve prazo de tempo” da redacción do proxecto básico de execución nos edificios da Rúa Muíños 26-28. Tamén informou á rexedora de que o mesmo se fará noutro inmoble da mesma rúa.
Elena Candia deulle conta á titular do departamento autonómico do interese amosado por algún particular para compra dalgún dos inmobles, ao tempo que lle solicitou á conselleira que estude esta posibilidade.
Ambas as dirixentes aproveitaron o seu encontro para abordar tamén a situación dun edificio sito nunha finca na Rúa Matadeiro 1, que a Consellería adquiriu anteriormente. A rexedora manifestou o seu interese porque este espazo se poña en valor a través da creación dunha área recreativa no entorno da Ponte Pousa “pola súa singular beleza”, explicou Candia.
 
Outra demandas
A alcaldesa de Mondoñedo trasladoulle á conselleira a necesidade de construír unha senda peonil entre o quilómetro cero da estrada 124, na glorieta de San Lázaro, ata as instalacións deportivas. Candia explicoulle á titular de Infraestruturas e Vivenda que o paseo por esa vía “é moi habitual, polo que sería interesante individualizar o espazo reservado para os peóns para que non exista perigo”. Tamén lle demandou que se prosiga co arranxo da estrada 124 na parte da Avenida Bos Aires e agradeceulle o investimento feito na vía “nun momento económico complexo”
“A valoración da xuntanza non pode ser máis que moi positiva, posto que a conselleira foi receptiva con todas as nosas demandas, comprometeuse ao seu estudo e confiamos en que todas elas teñan resposta nun prazo breve de tempo”, conclúe a alcaldesa.