Concello
O Concello de Mondoñedo continúa coa posta en marcha de medidas de aforro en gasto corrente enerxético e telefónico. A alcaldesa explica que estas accións encamiñadas a reducir custos permitirán incrementar os fondos para investimentos, o que “repercutirá no beneficio directo dos veciños e veciñas”
O Goberno local aforrará máis do 40% en teléfono ao tempo que prosegue co mantemento integral do alumeado, o que traerá consigo unha redución na factura eléctrica.
 
NOTA DE PRENSA
Mondoñedo, 14 de novembro de 2015.- A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, explica que o Goberno local continúa coa posta en marcha de medidas de aforro que permitirán reducir o gasto corrente do Concello, tanto na área enerxética como na de telefonía.
En concreto, a rexedora indica que dende o Goberno local se está a negociar o contrato cos provedores e, de xeito específico, na área de telefonía as iniciativas adoptadas permitirán unha redución do gasto en teléfono superior ao 40%. A diferenza do bipartito, o actual Goberno local do PP só ten contratado un teléfono móbil, o resto dos concelleiros empregan os seus teléfonos persoais, precisa.
A maiores, dentro deste compromiso de redución de gastos correntes, Candia explica que o actual executivo mindoniense continúa co mantemento integral do alumeado público. A alcaldesa informa de que este servizo de alumeado se atopa en moi mal estado, pese “ao importante investimento público que dirixiron os socialistas e os nacionalistas ao aforro enerxético, unha redución do gasto que non se reflexa nas facturas. No día a día descubrimos que as facturas demostran deixadez de funcións e pouco seguimento dos servizos”.   

Este plan de aforro, segundo explica a rexedora popular, permitirá incrementar os fondos para outros investimentos reais que repercutirán no beneficio directo dos veciños e veciñas”.  A popular pide a colaboración de todos e engade que “somos conscientes de que en cinco meses non e pode corrixir os problemas ocasionados polos socialistas e os nacionalistas durante os últimos oito anos, pero temos un proxecto sólido, firme e decidido para enderezar o caos no que se atopaba este Concello”.