A 17ª edición de Xantar celebrarase do 3 ao 7 de febreiro, coa finalidade de promover o turismo a través da gastronomía, un dos principais atractivos para os que visitan a comunidade.
A alcaldesa promocionará os recursos turísticos da localidade, as súas festas e, sobre todo, os seus produtos como son os da horta, o pan e a tarta.
Ademais, participar nesta cita tamén permitirá ao Goberno local coñecer de primeira man as experiencias que funcionan noutros puntos xeográficos.
A alcaldesa invitará a empresarios para que a acompañen na cita e asistirán tamén representantes da Asociación Cultural As San Lucas, entre eles, o seu presidente Miguel Souto.
NOTA DE PRENSA
Mondoñedo estará presente no Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que se celebrará en Ourense a próximo semana, entre os días 3 e 7 de febreiro. A alcaldesa da localidade, Elena Candia, promocionará nesta 17ª edición de Xantar os recursos turísticos da localidade, as súas festas e, sobre todo, o seus produtos gastronómicos. A alcaldesa invitará a empresarios para que a acompañen na cita e asistirán tamén representantes da Asociación Cultural As San Lucas, entre eles, o seu presidente Miguel Souto.
Candia explica que un dos principais obxectivos desta cita é o de promover o turismo a través da gastronomía, tendo en conta que “este é un dos principais atractivos para os que visitan a comunidade e en Mondoñedo contamos coa riqueza e calidade do noso pan, da nosa tarta e dos nosos produtos da horta”.
A alcaldesa indica que ademais da promoción da gastronomía, Xantar é tamén o punto de encontro de recursos turísticos, onde se poden coñecer os atractivos naturais, históricos... dos lugares que acoden a esta cita.
Así, o Concello de Mondoñedo “non quere deixar de reforzar a promoción dos nosos atractivos locais”, di a alcaldesa. Neste senso, Candia levará consigo o proxecto Mondoñedo, mil historias que vivir, que engloba seis produtos a través dos que se recupera a figura de Cunqueiro, a cova do Rei Cintolo, a Tarta de Mondoñedo, o traballo de ceramistas e canteiros e as paisaxes e segredos que agocha o Camiño Norte ao seu paso pola localidade.
A alcaldesa é consciente da importancia que ten o turismo na localidade polo que non quere escatimar en esforzos para obter os mellores resultados posibles por iso “considera moi necesario participar neste Salón Internacional de Turismo Gastronómico cuxo atractivo está fóra de toda dúbida e demóstrano as enquisas”. Ademais, “a asistencia a Xantar 2016 tamén nos permitirá coñecer as experiencias que funcionan noutros puntos xeográficos”.