A alcaldesa de Mondoñedo asinou esta mañá o decreto de alcaldía no que se acorda esta ampliación, que comezará a contar a partir do día seguinte á data da súa publicación no BOP.
O Concello de Mondoñedo amplía nun mes o prazo de solicitude de axudas destinadas á rehabilitación de vivendas no casco histórico e barrios de San Lázaro e Os Muíños.
A convocatoria de subvencións publicouse no BOP de sete de decembro de 2015 e nela establécense os criterios a cumprir para a concesión destas axudas enmarcadas no acordo asinado entre Concello, Fomento e IGVS.
 
NOTA DE PRENSA
Mondoñedo, 3 de febreiro de 2015.- O Concello de Mondoñedo amplía nun mes o prazo de solicitude de axudas públicas destinadas á rehabilitación de edificios e vivendas  situadas no casco histórico da localidade así como nos barrios históricos de San Lázaro e Os Muíños.
En concreto, a alcaldesa do municipio, Elena Candia, asinou esta mañá o decreto a través do que se acorda a ampliación do prazo, que comezará a contar a partir do día seguinte a data da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
As bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para a Área de Rexeneración e Renovación do Casco Histórico de Mondoñedo e Barrios Históricos de San Lázaro e Os Muíños publicáronse no BOP de 7 de decembro de 2015. Nelas establécense os criterios a cumprir para a concesión destas axudas enmarcadas no acordo de comisión bilateral asinado entre o Ministerio de Fomento, o Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia e o Concello de Mondoñedo.
Este programa abrangue a actuación en edificios para estimular a rehabilitación integral destas localizacións tanto na súa dimensión física como no da súa necesaria revitalización social, económica e cultural.  Son subvencionables a execución de obras ou traballo de mantemento e intervención en edificios e vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns; ademais poderán incluírse os honorarios dos profesionais, o custo de redacción de proxectos, informes técnicos e certificados precisos, así como os gastos derivados da tramitación administrativa. Son beneficiarios tanto os propietarios únicos de edificios de vivendas, así como as comunidades de propietarios.
Por último, a alcaldesa pon en valor esta convocatoria e explica que con esta iniciativa Mondoñedo segue apostando pola posta en valor dos inmobles, o que redundará nunha mellor imaxe do municipio ao tempo que incrementará o valor das construcións.