Conferencia pronunciada por Antón Meilán García (Universidade de Oviedo) no Centro Cultural da Alcántara, con motivo da súa apertura e da conmemoración das Letras Galegas.
Mondoñedo, 14 de maio de 2011.

MONDOÑEDO, BERCE DE ESCRITORES

Os que nacemos en Mondoñedo somos uns afortunados, diría aínda máis, uns privilexiados. Nacemos nun pobo que hai séculos xa se decantou por cultivar a palabra. Neste val, nesta campía mindoniense, nesta vella cidade galega sementamos verbas, cores e pentagramas e recolleitamos versos, poesías, historias, libros, música, sons e pintura. En case todas as casas deste pobo hai algún libro de Leiras, Noriega, Lence, Jácome, Marina Mayoral, Cunqueiro, Rosalía… e sucede que nalgún momento da nosa vida decidimos lelo. Ese día abríusenos unha ventá ó mundo e entendemos por que cantan os paxaros ó amencer ou entre o lusco e fusco, ou por que desaparece a luz ó atardecer. Ese día entendemos o misterio das pequenas cousas (a escoitar o silencio, a fermosura das bolboretas de ás douradas, o amor, a amizade…); entendemos a grandeza do noso pobo, que en cada esquina nos ten gardado unha ledicia (miña casiña, meu horto / meus caxigos, meus loureiros/ partenme a ialma o deixarvos/ pro non teño máis remedio) [1]; entendemos mellor a vida e polo tanto o mundo. Un exemplo témolo en Á. Cunqueiro, a quen o goce das pequenas cousas cotiás lévao a valorar o mundo. Nun deses regresos á súa casa escribe:
[…] Las estrechas calles, la ancha plaza, la casa… He comido del pan amasado en la vieja artesa de álamo, he metido el diente a una fría manzana de la huerta, me he dormido respirando un aire perfumado, unas veces manzana, otras membrillo. Y me ha despertado dos veces el enorme silencio. […] De desayuno, leche acabada de ordeñar. Viene mi primo Moirón de Riotorto y me trae castañas. Me asomo al balcón y veo pasar caras conocidas, gentes con las que tengo que hablar, que se alegrarán de verme. Es jueves de feria y los coches de Pastoriza y Riotorto descargan sacos de trigo y de patatas junto a los soportales del Sombrereiro. Pasa Totona del Almacén, ligera con todos sus años. Siempre que me habla me llama Alvarito, que me vio nacer. Huele a laurel quemado, que ahuman chorizos en una casa vecina. Llaman a la puerta, y adivino quién es, por el toque de martillo… ¡Qué grande, rico y hermoso es el mundo! [2]
Mondoñedo aportou a Galiza e á Humanidade cultura, non en van tres dos nosos escritores foron merecentes de dedicarlles un día das Letras Galegas: Noriega Varela, Leiras Pulpeiro e Á. Cunqueiro. Non se trata de competir con ninguén (alá cadaquén coas súas teimas), senón de explicar por que aquí e por que non alí ou acolá, se produciu este feito cultural, pois tamén noutras vilas e cidades teñen catedral, mosteiro ou seminario, como en Mondoñedo.
En parte, xa o explicou o doutor D. H. Cal Pardo no seu traballo “Cantores do Nadal”, dos que termina dicindo:
“Pero a súa verdadeira importancia apréciase se se considera na súa proxección de futuro. Eles foron os pioneiros dun movemento que xa non se deterá, os precursores dunha pleiade de poetas mindonienses que van escribir en galego a súa abundante producción literaria. O seu influxo vaise deixar sentir máis alá das nosas fronteiras: toda Galicia vai acoller con ledicia e entusiasmo a súa mensaxe e traducirao en rica colleita literaria, en xeral, e poética, en particular. Na base desa gran torre formada pola literatura auténticamente galega que florece a finais do século XIX e comenzos do século XX, atópanse, como semente, a punto de abrirse en flor, os Cantores mindonienses do Nadal”. [3]
Así é. Que aquí floreceran escritores e cultivasen unha literatura vernácula débese, sen lugar a dúbidas, ós Cantores do Nadal. Porén, dende a miña humilde opinión, hai dous feitos máis que se deben ter en conta para explicar este fenómeno artístico e literario mindoniense.
O primeiro está vencellado exclusivamente coa catedral. O primeiro documento que se conserva no arquivo catedralicio data do 4 de xaneiro do ano 871 [4], é dicir, no século IX aquí, en Mondoñedo, había xente que sabía ler e escribir. E a maior parte dos documentos medievais da catedral (séculos XII, XIII, XIV e XV), que son moitos, están escritos na única lingua que se falaba entón nesta terra, o galego. E os que os escribían vivían e convivían neste pobo e o saber, coma o vento, flúe e transmítese.
Tamén sabemos que no século XV, cara a 1430, estivo de xuíz o gran novelista Juan Rodríguez del Padrón, pois na súa novela Siervo libre de amor escribe:
Johan Rodríguez del Padrón, el menor de los dos amigos eguales en bien amar, al su mayor Gonçalo de Medina, juez de Mondoñedo, requiere de paz y salut (SLA 67);
e a pé de páxina dísenos “Gonçalo de Medina, juez de Mondoñedo, ocupó la vacante de Rodríguez del Padrón cuando este ingresó en la Orden franciscana”. [5]
Lembremos igualmente que o mariscal Pardo de Cela outorga testamento en Mondoñedo o 1 de outubro de 1483, perante o notario Pedro López. [6]
Vemos, pois, que xa no século XV había en Mondoñedo toda unha armazón social culta, de profesionais como notarios, xuíces, avogados, médicos…, así como todo un estamento relixioso douto, formado polos curas e cóengos da catedral.
Sabemos tamén que a imprenta, que foi inventada por J. de Gutemberg en torno ó 1440, instálase a finais deste século XV ou principios do XVI en Mondoñedo, talleres dos que sae en 1550 ese libro tan coñecido da Descripción del Reino de Galicia, do licenciado Molina. É moi probable que saíra das prensas desta imprenta, en follas voandeiras, o famoso Cantar do Mariscal ou Pranto pola Frouseira (ano 1484):

A min chaman toda Mira
Senora do gran tesouro,
Por estrela esclarecida,
Gajo neste Valedouro.
De min a triste Frouseyra,
Que por treyçon foy vendida,
Derribada na ribeyra
Ca jamais se veo vencida,
Mas tredor foy que vn mouro
O vilao que me vendeo,
Que de Lugo á Ribadeo
Toudos me tinan temor.
Por treyçon tamben vindido
Iesus nosso Redentor,
E por aquestes tredores
Pedro Pardo meu Señor.


Sobre estes romances ou cantigas quero dicir dúas cousas: a) É innegable que o seu autor ou autores proceden desta zona, entre Ferreira e Mondoñedo, e aínda aventuro a manter a hipótese de que era de Mondoñedo, pola carga tan relixiosa que amosa ó comparar a morte do Mariscal coa de Xesús Cristo “Por treyçon tamben vindido / Iesus nosso Redentor, / E por aquestes tredores / Pedro Pardo meu Señor” (e noutro romance dise: “daqués malvados criados, / que noso Deus lles dará / a xusta paga e premio / de haber feito tan gran mal. / A Deus darán conta todos / que lles queira perdounar”); así como polo fin que perseguían estes romances, de ser recitados en festas e romarías, probablemente compostos, pois, para ser cantados nas dúas grandes festas mindonienses: as Quendas e San Lucas. E b) temos a honra de conservar o primeiro texto de literatura popular escrito en galego. E ó que vou: isto demostra que en Mondoñedo daquela xa había afección a poetizar e, por suposto, a escribir.
Polo demais, neste senso convén lembrar que as primeiras ordenanzas municipais datan de 1491. Este concello xa entón puxo por escrito unhas regras para que os seus cidadáns se comportasen civicamente, das que di Lence-Santar: “Mondoñedo, que ya en el siglo XV dictaba las normas más cultas de aquella época”.[7] Este feito vén a ser unha boa mostra da cultura e raciocinio que imperaba na cidade. Quero dicir que Mondoñedo, no século XV, era unha vila culta, con profesionais de todo tipo, e onde a presenza de escritores como Rodríguez del Padrón (co seu probable faladoiro literario), así como o feito de escribir gozaban xa de reputación.
Para rematar este punto quixera recordar que no século XVI érguese o Seminario, con todo o que elo supón de incorporación de profesores e alumnos, e chega como bispo a esta cidade o gran literato frei Antonio de Guevara (1537-1545), que deixou unha pegada e foi un referente literario na cidade.
En resumo, o feito de escribir en Mondoñedo, así como a unha certa tradición literaria, veñen de moi vello. Non é de estrañar, polo tanto, que nun momento dado (s. XIX) nesta cidade agromase toda unha xeración de escritores. Son dos que pensan que nada sucede por casualidade.
Por outra banda, emerxe no século XVIII o fenómeno tan coñecido polos mindonienses dos Cantores do Nadal. Velaquí o segundo punto que explicaría o fenómeno cultural do que tratamos. Foi o outro gran pulo literario que tivo esta cidade. Coma di o doutor Cal Pardo “Na base desa gran torre formada pola literatura autenticamente galega que florece a finais do século XIX e comezos do século XX, atópanse, como semente, a punto de abrirse en flor, os Cantores mindonienses do Nadal”.[8] Agora ben, estas composicións literario-musicais, que se cantaban no Nadal e por Reis na catedral mindoniense, podían moi ben non traspasar os muros catedralicios, como outros tantos actos relixiosos. E non foi así. E non foi así por dous feitos: 1º) porque coincidiu un grupo de excelentes poetas: Castro e Neira, Luís Corral e Xacinto Romualdo, e a boa poesía déixase sentir, transcende, permanece; e 2º), tan importante como o anterior, é que esas panxoliñas, compostas por cregos e para actos relixiosos, pasaron ó pobo, pasaron á sociedade mindoniense. No caso de Castro e Neira, que foi cura de Argomoso, é moi probable que as súas composicións (ou outras feitas polos mesmos nenos de Argomoso a imitación do seu crego) foran cantadas diante o nacemento da súa igrexa (lembremos que en todas as igrexas de Mondoñedo se monta un nacemento e se adora ó Neno con cancións e poemas). No caso de Luís Corral e Xacinto Romualdo, que deixan a carreira sacerdotal nos últimos anos, o primeiro foi farmacéutico e o segundo un excelente e reputado mestre de escola de primeiras letras, que tiña a súa sede no Seminario. Con toda seguridade os alumnos de Xacinto cantaban esas panxoliñas diante o Nacemento que se facía na escola. Digo isto porque esta tradición de que os nenos de Mondoñedo fagan panxoliñas ben na escola ou ben na igrexa á que pertencen, chega ata o día de hoxe. (Incluso recordo que estes anos houbo ata concursos de panxoliñas na Biblioteca municipal). E esta tradición de facer versos afiánzase cos Cantores do Nadal.
Polo tanto, neste contexto, por unha parte, dunha cidade culta na que escribir non era ningunha novidade e na que viviron escritores da talla de Rodríguez del Padrón ou Antonio de Guevara, e por outra, na que se versificaban e cantaban poemas polo Nadal, feitos por poetas e nenos do pobo, non ten nada de estraño que no século XIX e XX emerxeran figuras literarias como Leiras Pulpeiro, Noriega Varela e Á. Cunqueiro, aos que con moi bo criterio lles dedicaron un día das letras galegas. (E por se alguén me escoita, non estaría mal que lles dedicaran un día das letras galegas ós Cantores do Nadal, porque polo que podedes supoñer son merecentes de ser recoñecidos con tal distinción).
E para rematar, como homenaxe a estes tres recoñecidos autores literarios, imos falar un pouco deles tendo sempre a Mondoñedo de fondo.
Foron tres poetas como as torres da catedral: pétreos, rexos, fortes, ergueitos, Outes, dos que a súa poesía chega ata o azul do ceo; dos tres, Cunqueiro, ademais, coa súa maxia de poeta na alma, vólvese inmenso tamén como novelista, crítico, ensaísta, contista, conferenciante e reborda todas as previsións como periodista.
Non é raro ver escrito ou escoitar que estamos diante escritores locais ou como recentemente dixo Alonso Montero nunha conferencia en Ourense sobre Á. Cunqueiro na que afirmou “que era un xenio pero un xenio local". A literatura, como a pintura ou a música (ou calquera actividade artística), non é local, nin provincial nin nacional, a literatura ou é boa ou é mala, de aí que sigamos lendo a Jorge Manrique ou a Miguel Cervantes, fronte a outros escritores que quedaron no esquecemento.