Aínda que en política poucas cousas sorprenden, non deixa de ser impactante ler o artigo asinado por Orlando González, alcalde nacionalista de Mondoñedo, en resposta a algo tan saudable, desde o punto de vista democrático, como é exercer a función de oposición e fiscalizar e valorar o traballo –neste caso o pouco traballo- do goberno municipal e do seu alcalde, que tan só parece exercer como tal nos períodos electorais, pois durante o resto do mandato, non lle importaron nin Mondoñedo, nin os mindonienses. E somos os cidadáns desta localidade, os que non entendemos que o goberno municipal se entreteña en plans volátiles, etéreos, mentres o noso Concello se afunde día a día. Mentres vostedes divagan con eses plans máxicos, a nosa cidade vai cada día a menos e o noso rural non encontra solución a ningún dos seus problemas. Vostedes non resolven problemas; crean problemas.
E teño que empezar pedindo desculpas. Neste caso por vergoña allea. Ante a imaxe de insensibilidade dun señor que, para atacarme, non atopa outro argumento que ridiculizar a uns enfermos e o medicamento que estes toman. Non todo é aceptable en política, pero moito menos tratándose dun médico, que se presume que sabe do que fala e que cando menos debera ter algo máis de nivel cando escribe, de máis respecto a súa profesión e aos doentes de calquera enfermidade.
Supoño que cando non hai argumentos serios toca xogar ao chiste.  Pero este é moi de mal gusto. Que triste ver como todo un alcalde perde as formas, a educación, amosando precisamente iso que lle achaca aos demais: un nerviosismo extremo. Xa non lle pido que me respecte a min, pero polo menos que o faga aos meus votantes, por certo máis que os seus.
Pediríalle ao Sr. González Cruz que saíra á rúa, que escoitase aos veciños de Mondoñedo porque, e vólvollo a repetir, están convencidos de que, dende que este señor é alcalde, vivir en Mondoñedo é máis caro, máis incómodo, con menos servizos e menos oportunidades. 
De feito, o balance da xestión do alcalde, en colaboración co PSOE, pasa por unha obra no seminario que deixou a zona en peor estado do que se atopaba e cun novo espazo pouco organizado; pola perda de servizos; polo encarecemento de impostos e a creación dalgún novo; e por, ata incluso, non coidar os proxectos que se presentan en Mondoñedo.
Pola contra eu podo poñer en valor o traballo feito por Mondoñedo, que nos levou a acadar un investimento da Xunta superior aos 19 millóns de euros.  E recordarlle o  impulso do Partido Popular local en varias actuacións para  Mondoñedo: terá un centro de día na residencia San Rafael; obras de mellora na LU-124, na N-634, dotación de beirarrúas no Camiño San Rosendo, canalización das escorrentías derivadas da A-8, dotación para arranxo de camiños municipais; posta en marcha e financiamento de obradoiros de emprego, creación de brigadas forestais e mantemento do persoal da oficina de turismo;  arranxos no colexio Álvaro Cunqueiro (instalación eléctrica, dotación dun novo parque infantil e pista polideportiva); contribución co avance das concentracións parcelarias de Sasdónigas e Mondoñedo Norte; apoio ás festas máis relevantes;  posta en marcha dun plan en turismo co apoio dos axentes privados, que empeza a dar os seus froitos… Con este aval é co que me vou a presentar de novo como candidata do PP á alcaldía de Mondoñedo, encabezando un grupo de mindonienses que estamos decididos a non deixar esmorecer o noso Concello nas súas mans e estamos dispostos a poñer todo o noso esforzo e saber en sacar adiante a Mondoñedo. En poucos días os mindonienses poderán elixir entre o seu modelo e o meu. Nas súas mans está.
Por último,  dicirlle que sinto moito que se laie vostede de que eu sexa a única representante política de Mondoñedo en outras institucións xa sexan provinciais, autonómicas ou estatais. E certamente estou moi satisfeita pola confianza que en min depositan os membros e dirixentes do meu partido nomeándome portavoz na Deputación, unha confianza que eu trato de estender sobre todo aquilo que afecte a Mondoñedo e poda beneficialo. Ogallá vostede poda dicir o mesmo algún día e tamén lle pediría que non xogue ao despiste cando fala do meu salario, pois é plenamente consciente de que está mentindo. De feito, non ten que realizar grandes esforzos para verificar que non está no certo pois as percepcións de todos os deputados, incluída a miña,  foron aprobados na Deputación co voto favorable do PSOE e do BNG, os seus compañeiros de partido. Dígolle todo isto, coa tranquilidade que aporta un traballo feito co agarimo e a ilusión de sentirme arroupada por xente seria, responsable e comprometida coa cidade que nos veu nacer, sen faltarlle ó respecto nin a vostede nin a ninguén e cun único propósito que nos debe unir a vostede e a min: o mellor para Mondoñedo, que tanto o necesita. 
 

Elena Candia López, candidata do PP á alcaldía de Mondoñedo


NOTA: LAS OPINIONES VERTIDAS EN ESTE ESPACIO SON DE EXCLUSIVA RESPONSABILIDAD DE SUS AUTORES Y NO REPRESENTAN NECESARIAMENTE LA OPINIÓN DEL EDITOR. Para publicar un artículo firmado en esta sección escribir a:  Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.