O próximo sábado 9 de abril, a Asociación Cultural O Pasatempo de Mondoñedo celebrará a "Festa da árbore". Para máis información e ver os carteis entrar no seguinte enlace.
 
“FESTA DA ÁRBORE”

Coma tódolos anos dende a Asociación Cultural O Pasatempo queremos celebrar a chegada da primavera con unha xornada de actividades para pequenos e maiores que terán lugar o vindeiro sábado día 9 de abril en Mondoñedo.

A partir das 12h da mañá no Parque do Cemiterio Vello de Mondoñedo inicianse as actividades para nenos e nenas de tódalas idades con globoflexia e pintura facial. Dende esa hora haberá tamén xogos tradicionais (chave, tiro da corda, ...) para todas as idades coa colaboración da Delegación de deportes do concello mindoniense. Finalmente arredor das 13:30h plantarase a árbore no propio Parque, acompañando o acto con música. Todos os que o desexen, poderán recitar poemas adicados á Árbore ou á Natureza durante a plantación. Ademais, durante toda a mañá estarán expostos os debuxos participantes no “V Concurso de Debuxo da Árbore”, realizado no CEIP Álvaro Cunqueiro e na Escola Infantil Galiña Azul de Mondoñedo, de onde sairon os 2 debuxos gañadores para ser o cartel da festa.

Como curiosidade, recordar que foi en Mondoñedo onde se celebrou a primeira Festa da Árbore de Europa o 4 de febreiro do ano 1569 sendo rexedor Luis de Luaces, o cal ordenou plantar árbores frutais na hoxe Alameda dos Remedios baixo pena de multa a quen non o cumprise. Para celebralo, trala plantación, ofreceu a todolos veciños unha comida campestre.


Organiza: A.C. O Pasatempo
Colabora: Concello de Mondoñedo
 
Cartel 
 
Cartel