O Concello de Mondoñedo modifica a ordenanza reguladora do polígono industrial para  asentar todo tipo de actividades económicas. O documento que rexía ata o de agora limitaba “de xeito considerable” a implantación ao esixir que o 50% da parcela fose destinada a unha actividade industrial.
A alcaldesa avanza que xa se reuniu coa SEA e o volverá facer “as veces que sexan necesarias” para avanzar nun novo convenio que rebaixe o prezo das parcelas e favorecer así o asentamento empresarial.
 
NOTA DE PRENSA
Mondoñedo, 21 de xaneiro de 2017.- A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, avanza que o seu equipo de Goberno modificará a ordenanza reguladora do polígono industrial da localidade para poder darlle cabida e que se asenten todo tipo de actividades económicas.

O Goberno local toma esta determinación no marco do conxunto de medidas establecidas para impulsar a implantación de empresas no polígono industrial e toda vez que a ordenanza reguladora que rexeu ata o de agora limitaba “de xeito considerable” a implantación ao esixir que o 50% da parcela fose destinada a unha actividade industrial.

“Cremos que esta modificación vai favorecer o interese das empresas polo noso solo, polo que a partir de agora imos permitir en máis da metade do polígono a implantación de todo tipo de actividades económicas, entre elas aquelas relacionadas cos servizos”, apunta a rexedora.

Convenio para rebaixar o prezo das parcelas
A alcaldesa avanza ademais que “nas vindeiras semanas” visitará de novo Suelo Empresarial del Atlántico S.L. (SEA), entidade pública encargada do desenvolvemento e comercialización do parque empresarial de Mondoñedo, con quen xa mantivo reunións para seguir facendo atractiva a implantación de empresas e firmas no polígono industrial de Mondoñedo. “Xa nos reunimos e volvereino facer as veces que sexan necesarias para avanzar nun novo convenio que rebaixe o prezo das parcelas e favorecer así o asentamento empresarial”, remarca.

Así, Elena Candia explica que desde a entidade se vén de apoiar esta modificación ao ver que avanza a bo ritmo a elaboración do novo convenio para a rebaixo no prezo das parcelas, un aspecto que tamén contribuirá no obxectivo sinalado. A alcaldesa tamén adquiriu o compromiso de que se habilite na localidade un punto de información de venda das parcelas, que funcionaría un día ao mes ou cantas veces sexa preciso.