O Concello de Mondoñedo mellorará as prazas da localidade grazas ao Plan Hurbe da Xunta de Galicia, que destina ao noso municipio 150.000 euros. A alcaldesa, Elena Candia, subliñou a importancia destas actuacións que permitirán facer destas áreas emblemáticas “uns lugares máis cómodos e agradables para os nosos veciños e veciñas”.
Actuarase nas prazas da Catedral, dos Muíños, de San Juan, de Noriega Varela, así como no cruce de San Lázaro.
NOTA DE PRENSA
Mondoñedo 16 de xuño de 2016.- O Concello de Mondoñedo mellorará as prazas de localidade grazas unha subvención ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta de Galicia que destinará unha contía total de 150.000 euros para levar a cabo as actuacións na vila. Así llo trasladou recentemente á rexedora, a popular Elena Candia, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato.
En concreto, mellorarase a praza da Catedral, a praza dos Muíños, a de San Juan, a de Noriega Varela; así como o cruce de San Lázaro. As actuacións incluirán, entre outras obras, a reparación e renovación de pavimentos, a dotación de papeleiras, a adecuación de farolas, a construción de varandas para as escaleiras e a creación de espazos libres de calidade.
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, amosouse moi satisfeita con esta concesión por parte de Xunta de Galicia e salientou a importancia das actuacións que se van a levar a cabo. “O obxectivo final é facer destas áreas emblemáticas uns lugares máis cómodos e agradables para todos os veciños e veciñas de Mondoñedo para facilitarlles o desenvolvemento da súa vida cotiá”.
Candia avanzou que nos próximos días se lle precisará aos veciños e veciñas de cada barrio as actuacións concretas que se van a levar a cabo e engadiu que “manteremos reunións en cada barrio para informalos ao detalle dos pormenores das obras que se van a acometer”.
O Plan Hurbe
O Plan Hurbe, posto en marcha no ano 2010 naceu cun triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas, favorecer a cooperación da administración autonómica e a local e promover o reequilibrio territorial en Galicia.
Dende o ano 2010 executáronse ao abeiro desta iniciativa 105 actuacións, cun investimento total de 112 millóns de euros. Deste total, 25 millóns (19 actuacións) destináronse á provincia de Lugo.
Este ano, o investimento global no Hurbe ascenderá a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns. Do total, 1,5 millóns destinaranse a novas obras na provincia de Lugo.