Este primeiro de maio, Día das Quendas, o Grupo Literario Leiras Pulpeiro (GLLP) e a Asociación As San Lucas, responsable da organización das Feiras e Festas das Quendas 2014, organizan un recital poético-musical denominado “Mondoñedo é poesía”.

NOTA DE PRENSA

Nesta primeira edición de “Mondoñedo é poesía” participan 20 poetas, homes e mulleres de recoñecido prestixio no campo da creación poética actual como son Alicia Fernández, Carlos Negro, David Otero, Dores Tembrás, Henrique Rabuñal, Iolanda Aldrei, Isidro Novo, José Juan Ferrrero, Mª Xosé Lamas, Marica Campo, Mario Regueiro, Baldomero Iglesias “Mero”, Miro Casabella, Olalla Cociña, Paco Rivas, Toño Núñez, Xabier Cordal, Xacobo Casal, Xaime Oroza e Xoán Xosé Abella. A parte musical deste recital estará a cargo Miro Casabella e de César Morán, que interpretará poemas de M. Leiras Pulpeiro musicados por el.
Con esta actividade, os organizadores pretenden convertir as rúas e escenarios mindonienses na “capital galega da poesía”, espazos sobre os que pairan as esencias da fértil tradición poética mindoniense, consecuencia dunha pléiade de escritores da que forman parte, entre outros, Antonio Noriega Varela, Álvaro Cunqueiro, Xosé Díaz Jácome e o propio Manuel Leiras Pulpeiro, e aos que debemos engadir outros nomes non menos sobranceiros da chamada Escola Poética do Seminario de Mondoñedo, como son os casos de Xosé Crecente Vega, Aquilino Iglesia Alvariño ou Xosé Díaz Castro. Ademais, Mondoñedo ostenta un raro privilexio, o de convocar anualmente dous certames poéticos, o “Premio de Poesía Díaz Jácome” e o “Premio de Poesía Leiras Pulpeiro”.
“Mondoñedo é poesía” comezará ás 13:00 horas no concello de Mondoñedo con unha recepción aos asistentes por parte das autoridades locais.
A continuación, o poeta Isidro Novo, participará no acto de entrega dos premios da Feira do Gando, recitando algúns poemas.
Ás 18:00 horas comezará o Recital na Rúa, que se desenvolverá en lugares emblemáticos da cidade, seguindo este itinerario: Cemiterio Vello, Praza do Concello, Praza da Catedral, Fonte Vella, O Cristo e Praza Jaime Cabot.
Ás 19:30 horas comezará no Auditorio Pascual Veiga un Recital poético-musical no que intervirán todos/as poetas e músicos convocados.
O Grupo Literario Leiras Pulpeiro (GLLP) quere agradecer a colaboración entusiasta da comisión organizadora das Feiras e Festas das Quendas 2014, a do propio concello de Mondoñedo, así como a de particulares e empresas como Confiteria Val de Brea, A Casa de Mañas e A Casa da Penela.
A asistencia a estes actos é libre e gratuíta.