As voces de poetas como Yolanda Castaño, Luz Pozo Garza, Baldo Ramos, Lois Pérez e Caxigueiro participarán nesta festa literaria, que tamén contará cos músicos  Miro Casabella, César Morán e Arcadio Mon
O municipio lucense acollerá o 1 de maio esta iniciativa, promovida polo Colectivo Mondoñedo É... e a Asociación As San Lucas co apoio da Consellería de Cultura.

NOTA DE PRENSA

A nova edición do Festival Mondoñedo é Poesía encherá as rúas e outros espazos singulares do municipio lucense de recitais poético-musicais para poñer en valor a creación literaria galega e mindoniense de hoxe e de onte. Para iso contará coa participación de escritores e de músicos como Yolanda Castaño, Luz Pozo Garza, Chus Amieiro, Baldo Ramos, Eduardo Estévez, César Morán, Miro Casabella e Caxigueiro, que converterán Mondoñedo na capital galega da poesía o vindeiro día 1 de maio.

Promovido polo Colectivo Mondoñedo É... e mais pola Asociación As San Lucas, co apoio da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura e Educación, o festival arrancará a súa segunda edición ás 18 horas, cando dará comezo un recital poético a cargo de Chus Amieiro, Conce Agrelo, Eduard del Castillo, Eduardo Estévez, Baldo Ramos e Alexandro Lago, gañador do XV Premio de Poesía Díaz Jácome. As súas voces guiarán o percorrido literario que, durante unha hora, percorrerá Mondoñedo desde a praza da Catedral ata a praza Jaime Cabot, previo paso pola praza do Concello.

A continuación, o auditorio municipal Pascual Veiga será o escenario do recital poético-musical que ofrecerán os e as escritoras Luz Pozo Garza, Lois Pérez, Yolanda Castaño, Eduard del Castillo, Eduardo Estévez, Baldo Ramos e Aleixandro Lago Barcala, acompañados polos músicos César Morán, Miro Casabella e Arcadio Mon. O audiovisual tamén estará presente nesta cita literaria cunha videocreación poética de Caxigueiro.

O Festival Mondoñedo é Poesía ten como principal finalidade achegarlle a poesía a todos os públicos, poñendo en valor o patrimonio literario mindoniense, en particular, e o galego, en xeral. Para iso recupera figuras como Álvaro Cunqueiro, Xosé Díaz Jácome, Leiras Pulpeiro, Noriega Varela e outros moitos poetas nacidos ou formados en Mondoñedo, ao tempo que serve para difundir e dar a coñecer nomes da literatura galega actual que cultivan a poesía.

No festival, que reafirma Mondoñedo como un referente cultural, tamén terá cabida a creatividade dos máis novos. Alumnos e alumnas de centros escolares do concello e a contorna amosarán os seus traballos poéticos no ‘Tendal da poesía’ que se amosará no auditorio, onde tamén se instalarán algunhas librerías con obras dos escritores e escritoras que participan nesta nova edición do festival.

Apoio aos escritores e á creación literaria
Ademais da súa colaboración con iniciativas como o Festival Mondoñedo é Poesía, no ámbito da difusión e promoción literaria a Consellería de Cultura e Educación vén favorecendo a creatividade en galego co seu apoio a diversos certames, como os premios de poesía Concello de Carral, Afundación, Gonzalo López Abente, Xosé M. López ‘Ardeiro’ e Eusebio Lorenzo Baleirón, xunto co Premio de Narrativa Breve Repsol para escritores en lingua galega.

En 2014, a Secretaría Xeral de Cultura tamén contribuíu á creación dun novo certame organizado de forma conxunta pola Xunta de Galicia, o Con¬cello de Cotobade e a Deputación de Pontevedra, o I Certame de Relato Breve Nélida Piñón. Ademais, colabora anualmente coa Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e co Centro PEN Galicia para a realización de actuacións de fomento da literatura galega e a difusión dos seus autores e autoras.