A programación cultural e deportiva do Concello de Mondoñedo para este Nadal esténdese desde o  16 de decembro ao 8 de xaneiro. Haberá música, teatro, charlas e actividades para todos os públicos, desde unha concetración moteira a unha gala benéfica, a visita dos Reis Magos e a entrega dos premios do concurso de poesía Manuel Leiras Pulpeiro, entre outras moitas actividades.
A alcaldesa anima aos veciños e veciñas e a todos os mariñáns a facer as compras na cidade e desfrutar da hostalería local.


NOTA DE PRENSA
Mondoñedo, 15 de decembro de 2016.- O Goberno local do Concello de Mondoñedo vén de dar a coñecer a súa completa programación cultural e deportiva para este Nadal, que se estende desde o día 16 de decembro ao 8 de xaneiro. 
A alcaldesa, a popular Elena Candia, anima ademais a todos os mariñáns de concellos próximos a achegarse á cidade “e mercar no noso comercio”, ao tempo que lles lembra aos veciños e veciñas da localidade que pensen en Mondoñedo para as compras que se realizan por estas datas, así como en desfrutar da hostalería local.
O díptico informativo sobre a programación cultural e deportiva de Nadal inclúe un listado con máis de cen establecementos e referencias nas que poder facer compras e adquirir agasallos.
 
Máis polo miúdo
O venres día 16 arranca a programación de Nadal coas XVI Xornadas mindonienses de arqueoloxía, que se van desenvolver na Casa da Xuventude desde as 16:30 horas.
O sábado día 17 de decembro Motoclub N-634 organiza unha Papanoelada motera na Praza do Concello a partir das 16:00 horas. Ás 21:00 horas no Auditorio municipal Pascual Veiga a compañía Teatro O Bordelo de Cervo pon en escea Xubilando, co que se pon fin ao ciclo de teatro dedicado a Manuela Rei.
O xoves 22 de decembro será a quenda do Concerto de Nadal da Escola Municipal de Música, no auditorio municipal ás 20:30 horas.
O venres día 23 de decembro a Casa da Xuventude acolle a partir das 18:00 horas o Obradoiro de sombras chinas ‘As nosas historias’ pensando para nenos e nenas de 4 a 8 anos de idade. 
O martes 27 de decembro a Casa da Xuventude será o escenario ás 19:00 horas da actuación do mago Pi e Senín, que ofrecerá un espectáculo de maxia.
Toxiza Club de Montaña presentará o día 29 a carreira de montaña Toxiza Classic Xtreme no auditorio municipal ás 21:00 horas.
O venres día 30 de decembro os nenos e nenas a partir de dous anos poderán asistir na Casa da Cultura ás Canatarolas pra xente miúda con Senén Vaamonde e dous representantes do grupo A Roda. Unha actividade que achega a Mondoñedo a Secretaría Xeral de Política Lingüística e que terá lugar ás 19:00 horas.
O sábado 31 de decembro a alcaldesa presidirá a entrega de premios do concurso de fotografía Recunchos de Mondoñedo no salón de plenos da Casa do Concello ás 12:30 horas. Tamén se aproveitará o acto para presentar o calendario oficial de Mondoñedo 2017 coas fotos gañadoras do certame.
Xa en 2017, o 4 de xaneiro, haberá unha charla coloquio da Asociación Somos Unidos por Cáncer. Ás 20:00 horas no centro comarcal de Mondoñedo.
O xoves 5 de xaneiro haberá unha cabalgata de Reis cun percorrido polas principais rúas da cidade coa recepción ás Súas Maxestades no auditorio municipal a partir das 19:30 horas. Unha hora máis tarde o auditorio acolle a actuación de Paisaso piruleta & Cía ‘A biblioteca máxica especial Nadal’.
O sábado 7 de xaneiro ás 12:45 horas no salón de plenos da Casa do Concello farase a entrega de premios do V Concurso de poesía Manuel Leiras Pulpeiro. A partir das 19:00 horas o aparcamento dos baixos da Praza Jaime Cabot acolle o sorteo da campaña de Nadal de ACIAM, organizado pola asociación.
O domingo día 8 será a quenda da gala benéfica ‘Mondoñedo con la moda y tú contra el cáncer infantil’, que presentarán Lucía Pérez, Óscar Novo e Gemma Pardo. No auditorio Pascual Veiga ás 19:00 horas. O diñeiro que se recade será empregado para a investigación oncolóxica. A entrada ten un prezo de 18 euros.
 
Campamentos de Nadal
Esta programación complétase con tres campamentos. O primeiro deles organizado pola ANPA do CEIP Álvaro Cunqueiro. Un segundo do CD Lugo do 2 ao 5 de xaneiro e un campamento de Nadal na Natureza que organiza a Asociación Deportiva Salto do Coro.