O goberno local considera “moi necesario” e “urxente” realizar estas actuacións que permitan restablecer a boa imaxe da cidade
O Concello de Mondoñedo pon en marcha un plan de limpeza do casco urbano.
Realizaranse diferentes traballos que permitirán a eliminación de vexetación, fungos, materia orgánica, lixo e outros restos, mediante diferentes sistemas de limpeza.
NOTA DE PRENSA
Mondoñedo, 1 de xullo de 2015- O Concello de Mondoñedo poñerá en marcha un plan de limpeza do casco urbano. O goberno local considera “moi necesario” e “urxente” realizar estas actuacións que permitirán restablecer a boa imaxe da cidade.
O equipo de goberno explica que os traballos consistirán na eliminación de vexetación, fungos, materia orgánica, lixo e outros restos que se presentan nas rúas e localizacións da cidade, mediante diferentes sistemas de limpeza.
Neste senso, puntualizan que se aplicarán os produtos fito sanitarios necesarios e se procederá posteriormente ao corte e rasurado de toda a vexetación, ao raspillado do lixo e materia orgánica pegada, así como a recollida de toda a materia solta mediante barrido mecánico e manual Tamén se procederá ao baldeado con máquinas hidrolavadoras.
As actuacións realizaranse tanto en zonas centro como periféricas, que presentan unha importante densidade de sucidade e vexetación media alta. Así, dende o goberno local explican que se iniciarán estas actuacións na Praza da Catedral, Seminario e Fonte Vella e se continuará por todas as rúas da localidade.
“É necesario hixienizar as rúas”, aseguran dende o goberno local ao que engaden que en algunha localización requírense acometidos a maiores como é na Rúa Marina Mayoral a limpeza das canaletas metálicas que discorren por ambos lados da mesma ou na Praza da Catedral, a limpeza a fondo das escaleiras de soportais con hidrolavadoras.