Mercado Medieval
A alcaldesa participou este sábado na presentación do cartel e do programa da XXIV edición do Mercado que se celebrará o vindeiro 7, 8 e 9 de agosto.
Elena Candia impulsará a declaración do Mercado Medieval de Mondoñedo como Festa de Interese Turístico Galego para o que dará comezo “de xeito inmediato” aos trámites oportunos.
O Goberno local incrementou o número de postos que participan no evento, que este ano serán 200, 60 máis que na edición anterior.
Máis info e programa en ler máis. 
 
PROGRAMA COMPLETO 
Descargar aquí
 
NOTA DE PRENSA
Mondoñedo, 18 de xullo de 2015- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, participou esta mañá na presentación do cartel e do programa da XXIV edición do Mercado Medieval de Mondoñedo onde avanzou que o seu Goberno impulsará que sexa declarado Festa de Interese Turístico Galego para o que dará comezo “de xeito inmediato” aos trámites oportunos. Na presentación participou parte do equipo de goberno, varias das asociacións implicadas no evento, así como amigos e amigas do mercado medieval que ano tras ano colaboran e traballan de xeito desinteresado na súa organización.

A rexedora puxo en valor o incremento de actividades coas que contará o Mercado Medieval con respecto a edicións anteriores. Neste senso, destacou a presenza dos cabaleiros medievais de Alfoz, os Kilomberos de Monte Alto e a Irmandade de Tambores e Cornetas do Bispo Ramiro II, entre outros moitos. Elena Candia explicou que o seu equipo de Goberno participou no deseño dun programa “que pon en valor a nosa historia” ao tempo que se comprometeu a realizar unha campaña de promoción estratéxica “que nos permita que Mondoñedo ocupe o lugar que lle corresponde a nivel histórico e turístico”. 

A alcaldesa aproveitou a súa intervención para agradecer o traballo de todas as asociacións implicadas no Mercado Medieval; entre as que se atopan os Amigos do Mercado, á ACIAM e á Asociación Cultural O Pasatempo. Candia destacou, de xeito especial, o apoio prestado pola ANPA do colexio e da Escola de Música Municipal que, con máis de 40 nenos e nenas, formarán parte do programa festivo coas súas actuacións.

60 postos máis que a anterior edición
En concreto, a XXIV edición do Mercado Medieval contará con 200 postos de artesáns procedentes de distintas localidades. Elena Candia fixo fincapé no feito de que 60 deles son de nova incorporación, o que “dá conta do interese que este evento ten non só na localidade, senón a nivel provincial e incluso galego”, explicou. O Concello de Mondoñedo achega 33 dos postos. A rexedora anotou ademais que este ano o Goberno local apostou por reorganizar a ubicación dos postos e pola dinamización do mercado con innovadoras actuacións que, “a bo seguro, serán un reclamo para achegarse a Mondoñedo”.
Haberá postos de exhibición de actividades artesanais tales como forxa, palilleiras, traballo en coiro, zoqueiro. Os postos de venda de artesanía poñen a disposición do público unha ampla oferta de xoiería, traballo en coiro, cerámica, xoguetes, perfumes ou macramé. Ademais, haberá cunha ampla oferta gastronómica con postos de venda e consumo de diversos produtos.
 
Presentación Mercado Medieval