A Xunta de Goberno local adxudicou a obra de acondicionamento do espazo público Campo da Alcántara para convertelo nunha zona de aparcamento.
A obra, cun importe de 62.576,05 euros e cun prazo de execución de tres semanas, consiste na pavimentación da zona, construción de prazas de estacionamento, así como axardinamento, alumeado e sinalización 
A alcaldesa de Mondoñedo explica que “seguimos a traballar para cumprir cos compromisos e desbloquear proxectos absolutamente paralizados polo bipartito”
 
NOTA DE PRENSA 
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, anunciou que no prazo dun mes estará operativa a nova zona de estacionamento que se localizará no Campo da Alcántara e que contará cun centenar de prazas de aparcamento. 
A rexedora fixo este anuncio tras que esta mañá a Xunta de Goberno local adxudicase a obra de acondicionamento deste espazo público para convertelo nunha zona de aparcamento “tan necesaria na localidade”, precisa a popular. 
A empresa que se encargará da realización destes acometidos é a mindoniense Construcciones Isidro Otero S.L.. A obra ten un importe de adxudicación de 62.576,05 euros e un período de execución de tres semanas.
Elena Candia precisou que estas actuacións consisten na pavimentación da localización, xunto á construción de prazas de estacionamento, así como o axardinamento, alumeado e sinalización da zona. 
Esta nova actuación demostra, segundo explica a popular, que o equipo de Goberno segue a traballar para cumprir cos compromisos adquiridos e “desbloqueando proxectos que estaban absolutamente paralizados polo bipartito durante o seu Goberno local”.