Mindoniense
O Concello de Mondoñedo conmemora o 25 aniversario do ascenso a terceira división da  Sociedade Deportiva Mindoniense.
O concelleiro de Deportes estará á fronte dunha mesa de traballo na que tamén participarán membros da actual directiva de cara a pechar un calendario de actos.
Manuel Tapia asegura que o Goberno local quere ter unha lembranza especial cos que fixeron posible un “acontecemento histórico para a localidade”.


NOTA DE PRENSA
Mondoñedo, 8 de xaneiro de 2016.- O Goberno local de Mondoñedo prepara a conmemoración do 25 aniversario do ascenso a terceira división da Sociedade Deportiva Mindoniense. O día un de setembro de 1991 o equipo xogou o seu primeiro partido nesta categoría á que chegou en maio do mesmo ano. 
A rexedora, a popular Elena Candia, remarca que tanto ela como o concelleiro de Deportes, Manuel Tapia, e todo o equipo de Goberno “queremos ter unha lembranza con todos os que fixeron posible este acontecemento histórico para a localidade”. 
“Xogadores, directiva e afección fixeron posible un fito histórico deportivo para Mondoñedo, polo que queremos renderlle unha homenaxe polo seu traballo, esforzo e dedicación, así como polos éxitos acadados”, explica Tapia.
O Goberno local creará unha mesa de traballo, á fronte da que estará Manuel Tapia, para fixar un calendario de actos conmemorativos. Tamén participarán outros membros do goberno e representantes do fútbol mindoniense, daquela época e da actualidade. Terase un especial recordo cos que xa non están entre nós.