O Concello de Mondoñedo estará presente de novo en Fitur, onde a alcaldesa dará a coñecer o proxecto "Municipio para investir". O Goberno local aproveita a súa estancia na capital de España para presentar os recursos que ten o municipio na Casa de Galicia en Madrid.
A alcaldesa valora a oportunidade que ofrece a Feira Internacional de Turismo para promocionar a localidade fóra de Galicia.
 
NOTA DE PRENSA
O Goberno local do Concello de Mondoñedo volverá ter presenza este ano en Fitur onde a alcaldesa, a popular Elena Candia, dará a coñecer ao sector o proxecto ‘Municipio para investir’ co propósito de promocionar a localidade fóra de Galicia.
A rexedora avanza ademais que o seu equipo de Goberno xestionou reunións con ata 15 axencias de viaxes. En concreto, a  tres delas presentaránselles as oportunidades que ofrece o Concello de Mondoñedo para investir. 
Conseguir máis visitantes
O obxectivo desta presenza en Fitur, explica a rexedora, pasa por conseguir máis visitas de turistas e chegar a acordos con touroperadores, como xa se fixo en anualidades anteriores para seguir consolidando a visita de grupos e familias. Con este propósito desde o Concello tamén se están a xestionar reunións con posibles emprendedores, engade.
Amais da presenza en Fitur e aproveitando a viaxe á capitalidade de España, Elena Candia fará unha presentación na Casa de Galicia en Madrid do informe ‘Municipio para investir’, un acto no que abundará sobre todos os recursos que ten o municipio para atraer visitantes. “Para nós o turismo é un sector estratéxico e dinamizador da economía local, polo que estamos volcados para para que as nosas accións dean os mellores resultados”, explica a rexedora.
Mondoñedo, municipio para investir
O material que o Concello achega a Madrid recolle unha pormenorizada relación dos recursos do municipio e das posibilidades empresarias que ofrece. O estudo, que xa foi presentando en Madrid e Barcelona,  “permitirá poñer en valor e dar a coñecer todos os recursos que ofrece a cidade e captar dese xeito tanto o turismo como a inversión que precisa o municipio”.
Candia salienta que algúns dos potenciais mindonienses que se abordan, son entre outros, “a situación xeográfica, a súa proximidade ao mar e aos fluxos turísticos, os seus enclaves turísticos máis destacados, o rico patrimonio histórico e arqueolóxico, as tradicións culturais, a gastronomía e as actividades produtivas; xunto aos recursos naturais da localidade, á dispoñibilidade de chan industrial a prezos asequibles, ás instalacións industriais e inmobles ociosos e aos incentivos públicos existentes, entre outros”.