Está por escribir a historia das mulleres mindonienses. Son as grandes esquecidas, un baleiro ditado desde o tradicional machismo ideolóxico, social e institucional que guiou o devir do noso pasado.

Todos sabemos nomes dos homes sobranceiros mindonienses, eses que lembramos cando queremos dar esplendor á nosa xenealoxía, pero nunca, case nunca, temos na mente un nome de muller. Non nomear é borrar, excluír, mutilar da memoria colectiva a metade, cando menos, da nosa historia.

Vai sendo tempo de resarcir esa débeda coas mulleres mindonienses de valía en diferentes ámbitos e profesións. Elena Candia, actual alcaldesa, é a segunda muller que ocupa o cargo, e a primeira que chega a presidir unha institución como a Deputación nos seus180 anos de andaina. Xunto ao de Marina Mayoral, a profesora e excelsa escritora que todos coñecemos, poucos serían quen de pórlle a carón nomes doutras mulleres mindonienses que destacasen na literatura como é o caso de Mª de los Ángeles Vázquez, emigrada a Arxentina a finais do s. XIX, as irmás Clara e Rita Corral Aller, fillas de Dimas Corral, o médico, xornalista e filósofo, e netas de Luis Corral, cantor do noso Nadal. Clara Corral, coetánea de Rosalía de Castro, foi das primeiras en publicar en galego no s. XIX.

Tamén están por escribir as biografías das fotógrafas Antonia Santos García, Filomena Díaz Villalba e dona Rosa, de Foto Celta, ou por completar, como é o caso, un estudo sobre Julia Pardo Montenegro, herdeira serodia da nobreza filántropa.

Soe suceder que se mencione o nome dunha muller para atribuírlle un papel secundario. Sería o caso de Isabel de Castro, esposa de Pardo de Cela, quen, traendo consigo o indulto para o condenado, quedou por vítima das artimañas doutros homes na afamada Ponte do Pasatempo. E o de Beatriz López Pacheco, esposa e continuadora en Compostela de Agustín de Paz, primeiro impresor mindoniense, igual que fixo máis adiante Cándida Casas, muller de Joaquín Candia.

Son consciente dos moitos nomes de muller que omito (Manuela Castro, Consuelo García, Andrea López, …), e doutros centos que descoñezo. Pero hai dous que, de pasada, non quero deixar sen dicir.

Unha é desas mulleres que quedan na historia como secundarias, só mencionadas cabo dun varón. Trátase de Eustorgia Acebo, “A Francesiña”, moza e musa de Pascual Veiga nos seus anos mozos. O amor prohibido pola familia dela forzou a marcha definitiva do músico de Mondoñedo que, como se sabe, só regresou despois de morto. Eustorgia morre en 1927 e desde entón descansan ambos en sendos mausoleos (a cinco metros de distancia) no Cemiterio Vello de Mondoñedo.

A outra muller que me fascina naceu en Mondoñedo en 1843 e morreu en Lisboa en 1866. Chamábase Manuela Rey. Despois de ser adoptada por unha compañía de teatro ambulante chegou a Lisboa na década dos 50 do s. XIX. Axiña se converteu na primeira actriz do Teatro D. María II e na grande estrela da escena lisboeta. O tifo segoulle a vida na flor dos 22 anos. Lisboa ficou coa dor!

Antonio Reigosa - Cronista Oficial de Mondoñedo

NOTA: LAS OPINIONES VERTIDAS EN ESTE ESPACIO SON DE EXCLUSIVA RESPONSABILIDAD DE SUS AUTORES Y NO REPRESENTAN NECESARIAMENTE LA OPINIÓN DEL EDITOR.
Para publicar un artículo firmado en esta sección escribir a:   Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.