Fútbol
O Concello ven de adxudicar a rehabilitación do campo de fútbol municipal Viñas da Veiga.
A alcaldesa, Elena Candia, subliña que se trata dunha “actuación integral” que permitirá mellorar de xeito notable as instalacións e, polo tanto, o seu uso por parte de xogadores e afeccionados.
A intervención foi adxudicada a unha empresa local logo de que a xunta de Goberno municipal do dia 13 de xullo aprobase a memoria e acordase solicitar as autorizacións oportunas.
A actuación dará comezo despois das San Lucas.

NOTA DE PRENSA
Mondoñedo, 12 de outubro de 2015.- O Goberno local do Concello de Mondoñedo vén de adxudicar a obra de rehabilitación do campo de fútbol municipal Viñas da Veiga que contará cun orzamento de 34.939 euros e un prazo de execución de tres meses. A actuación dará comezo despois das festas locais de San Lucas.
A intervención foi adxudicada a unha empresa local logo de que a xunta de Goberno municipal do dia 13 de xullo aprobase a memoria e acordase solicitar as autorizacións oportunas. O Goberno local conta ademais con ditame favorable emitido polo comité asesor do Camiño de Santiago con data de 29 de setembro, sendo xa notificado o adxudicatario o pasado 5 de outubro.
As obras levaranse a cabo para solucionar os problemas de filtracións e de humidades existentes principalmente na cuberta da grada principal, onde os canóns se atopan completamente rotos e existen problemas de corrosión na chapa da cuberta e na estrutura que a sustenta.
Actuación integral
A alcaldesa, Elena Candia, subliña que se trata dunha “actuación integral” que permitirá mellorar de xeito notable as instalacións e, polo tanto, o seu uso por parte de xogadores e afeccionados. En concreto, as obras inclúen a reparación dos pilares de formigón armado que sustentan a cuberta da tribuna, que actualmente presentan problemas de corrosión nas armaduras. Tamén se vai reparar a corrosión da chapa ondulada de aceiro que fai de cuberta, así como a corrosión da estrutura metálica que terma da cuberta de tribuna, ademais de aplicar unha pintura de protección.
A actuación recolle tamén a substitución do cano que recolle as augas da cuberta metálica de tribuna por atoparse completamente roto como resultado da corrosión, de maneira que será renovado por un de zinc. Pintarase a chapa que fai de cuberta á tribuna e tamén a estrutura que a sustenta.
Ao mesmo tempo, limparanse todos os parámetros de peche e faranse as reparacións puntuais oportunas na gradaría referentes a gretas ou desconchados. Completa a actuación o pintado dos muros de peche do campo tanto no interior como na parte exterior. A cor elixida foi o branco. Tamén se van pintar a gradaría e os bancos e limparase con auga a presión todas as soleiras de formigón que bordean o recinto.
Obras anteriores
As instalacións do campo de fútbol Viñas da Veiga foron construídas no ano 1968, sufrindo unha importante reforma nos anos 1986 e 1987. Foi nese momento cando se fixo un muro de peche perimentral, a tribuna e a súa cuberta. Posteriormente fíxose unha nova reforma, no ano 2006, que afectou aos vestiarios e os baños. O campo está enclavado nunha parcela que ocupa 9.372 metros cadrados, dos que 646 están edificados.