Concello
Trala avaría no subministro eléctrico, que afectou á cidade de Mondoñedo na noite do sábado 17 de outubro, coincidindo coa celebración das Feiras e Festas das San Lucas, dende o Goberno local de Mondoñedo infórmase que:
1.- O Concello de Mondoñedo liderará unha reclamación contra a empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (Begasa), pola tardanza no restablecemento do servizo eléctrico, durante unha data na que o retraso á hora de corrixir a avaría ocasionou importantes perdas económicas.
2.- Dende o Concello de Mondoñedo aclaran que é entendible que se produzan incidencias no subministro eléctrico, pero consideran inconcibible a inexistencia dun protocolo de restablecemento inmediato do servizo en circunstancias como a dada na localidade. Estábase a celebrar un evento de importante envergadura.
3.- Polo tanto, o Concello de Mondoñedo pedirá responsabilidades a empresa distribuidora do subministro eléctrico na cidade  ao tempo que convida a outras entidades representativas dos sectores máis afectados, como son a Asociación de Comerciantes ou Industriais de Mondoñedo e a Asociación As San Lucas de Mondoñedo (organizadora das festas), a que se sumen a esta reclamación. De igual xeito, o Goberno local informa que mantivo contactos coa oposición ante esta situación, e o PSOE xa lle trasladou o seu apoio ao respecto.
4.- Por último, dende o Concello de Mondoñedo tamén queren pedir desculpas pola situación vivida na noite do sábado e polas consecuencias ocasionadas, que o levan a asumir esta iniciativa para que a empresa encargada da distribución asuma as responsabilidades oportunas e non se repitan circunstancias como a sufrida durante esta anualidade na celebración das San Lucas 2015.