O BNG e o alcalde non existiron durante oito anos para Mondoñedo e agora non se lles cre nin se lles espera.
Despois de oito anos de goberno, o alcalde, o nacionalista Orlando González, non coñece cal é a realidade de Mondoñedo. Non sabe que oportunidades  ofrece a nosa cidade, nin que carencias presenta, polo que tampouco ten nin tivo nunca entre mans, tal e como viñemos denunciando dende fai anos, un plan de actuación serio para traballar pola mellora de Mondoñedo.
Cando menos roza o surrealista que o alcalde durante oitos anos dun concello, se decida, ao final do seu mandato, a colaborar nun proxecto piloto co que busca facer unha análise e diagnose das oportunidades e posibilidades que ten o seu municipio. Despois de oito anos de goberno descoñece os recursos que ten Mondoñedo e só despois de oito anos anuncia que pensa buscar un plan de actuación.
Sr. González en moitas ocasións lle dixemos que vostede non está centrado en Mondoñedo, non lle importa, e tampouco se lle espera xa. Só logrou o retroceso dunha localidade, pola que nunca se interesou; e agora, ás portas dunhas eleccións, quere coñecer como está e o que necesita. 
Non sei as posibilidades que tería o BNG en Guitiriz ou en Chantada para levar a cabo actuacións ao longo destes anos,-o proxecto piloto nace nos tres concellos-, pero sei con certeza que en Mondoñedo as tivo todas, xa que os nacionalistas lideraron o destino do concello durante os últimos oito anos. Porén, non fixo nada. E, agora, tamén sabemos o porqué o BNG e o sr. González non fixeron máis. Tristemente, non sabían nin o que había para facer.
O único que está a facer o sr. González, co proxecto piloto que presentou onte en colaboración coa Deputación, e, sen dúbida, unha utilización política do tecido asociativo da localidade. Dende o Partido Popular ata en dúas ocasións levamos a pleno a proposta de crear unha comisión de participación cidadá, xa que consideramos vital a implicación social para o desenvolvemento local. 
O sr. alcalde, e o seu equipo de goberno, votaron en contra da iniciativa do PP de darlle participación ás asociacións. Está claro e é evidente que, o alcalde e os seus socios do PSOE, só se acordan das asociacións por interese político, partidista e electoralista. Chámanas simplemente para a foto, porque a realidade é que nunha estableceron mecanismos reais de participación. 
A nosa dispoñibilidade durante estes catro anos foi absoluta e, con humildade, pero co compromiso de traballo, ofrecemos un proxecto serio e ilusionante. Cualificativos que, sen dúbida, non se poden afirmar do sr. alcalde que, dende que goberna o concello, pese a perder as eleccións, vivir en Mondoñedo é máis caro, máis incómodo e con menos servizos e oportunidades. A localidade estivo gobernada por un alcalde ao que non lle interesa Mondoñedo, nin os seus veciños, agás, claro está, ás portas duns comicios. Durante oito anos non existiu e agora non se lle cre, nin se lle espera.
.

Elena Candia López, candidata do PP á alcaldía de Mondoñedo


NOTA: LAS OPINIONES VERTIDAS EN ESTE ESPACIO SON DE EXCLUSIVA RESPONSABILIDAD DE SUS AUTORES Y NO REPRESENTAN NECESARIAMENTE LA OPINIÓN DEL EDITOR. Para publicar un artículo firmado en esta sección escribir a: Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.