Todo comezou cunha casa, dúas eguas, unha poldra e un cabaliño de cor castaña escura para facer os laricos. Foi a doazón do bispo Francisco de Santa María Benavides para o mantemento da modesta ermida dedicada á Virxe, edificada en 1558 na Pena de Outeiro.
O bispo Benavides, con orixe nunha familia nobre castelá, fora, antes de dedicarse ao oficio relixioso, palaciano de Carlos V. Mais cando chegou a Mondoñedo, logo de exercer o mesmo cargo en Cartaxena de Indias, viña pobre pois tanto os seus bens como os da cidade americana foran espoliados polos corsarios franceses. E necesitado seguiría no bispado de Mondoñedo. As rendas, segundo as queixas que lle trasladou ao rei, non superaban un “cuento”; ou sexa, un millón de marabedís, máis ou menos. Mesmo foi excomungado uns meses do ano 1556 por non pagar dúas pensións da súa conta.
Destes e doutros detalles, dos que sabemos grazas á magna obra sobre o episcopoloxio mindoniense de Enrique Cal Pardo, deducimos que o primitivo santuario superou grandes e graves contratempos. Foi reconstruído varias veces ata que no ano 1738, na era do bispo Sarmiento de Sotomayor (eran outras e mellores as rendas)  se ergue de nova planta o suntuoso santuario actual con deseño do arquitecto frei Lorenzo de Santa Teresa. A fachada remataríase uns anos despois.
O propio bispo Sarmiento está sepultado no santuario, pero non todo. Primeiro foi depositado no chan, xusto na entrada do templo, e uns anos máis tarde trasladouse ao mausoleo onde repousan os seus restos, no lado esquerdo da nave. O corazón disque foi soterrado no Pazo de Bo Aire, en Masma, outro gran edificio construído por el para solaz e descanso dos prelados da mitra mindoniense.
A constante devoción arredor deste santuario xerou abondosa literatura de milagres, moitos relacionados con campañas bélicas, pero tamén aparicións, e ata fantasmas. Lola, nai moza aínda, por ir lavar en domingo ao regato de Gallo (camiño dos Picos), aparecéuselle a Virxe; e volvéuselle a aparecer cando foi ao regato do Picho, por detrás da ermida, e entón unha treboada descomedida ameazou a súa vida. Un fillo crego e outra filla monxa foron a súa penitencia.
El Correo de Galicia  publicaba unha nota o 4 de decembro de 1903 na que se daba conta do avistamento dun fantasma polos arredores da ermida da Nosa Señora dos Remedios. A visión repetiuse varias noites e os que a viron describíana coa figura dun home “de colosal estatura, cubierto con una especia de túnica negra y que aparece y desaparece lanzando ayes lastimeros que llenan de pavor a los vecinos de aquellos contornos”.  A garda civil fixo averiguacións sen resultado coñecido.
A historia máis recente é mellor coñecida. Nos infaustos días do ano 1938, o bispo B. de Arriba y Castro establece un Voto,  e aquel mesmo ano os alcaldes das principais cidades e vilas da diocese e da antiga provincia acordan quendas para facer unha ofrenda anual á Virxe no domingo que se celebra a romaxe. Este ano 2015 correspóndelle tal honor ao concello de Vilalba.


Antonio Reigosa - Cronista Oficial de Mondoñedo

NOTA: LAS OPINIONES VERTIDAS EN ESTE ESPACIO SON DE EXCLUSIVA RESPONSABILIDAD DE SUS AUTORES Y NO REPRESENTAN NECESARIAMENTE LA OPINIÓN DEL EDITOR.
Para publicar un artículo firmado en esta sección escribir a:   Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.