Está formada polos Concellos de Ribadeo, Barreiros, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Vilalba, Begonte, Friol e Guntín.
O obxectivo dos seus membros é o de facer promoción desta ruta e trasladar as reivindicacións conxuntas sobre as necesidades que ten o Camiño ao seu paso polos Concellos adheridos.

NOTA DE PRENSA
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, deu conta do nacemento da Asociación de Concellos do Camiño Norte na que se integran Ribadeo, Barreiros, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Vilalba, Begonte, Friol e Guntín.
A iniciativa, promovida desde finais do pasado ano pola rexedora popular, nace co obxectivo de facer promoción do Camiño Norte e as reivindicacións conxuntas sobre as necesidades que ten a ruta ao seu paso polos Concellos adheridos. 
Hoxe mesmo tivo lugar en Mondoñedo a reunión na que se rubricou o acordo de constitución dos concellos membros. No encontro acordouse que a Asociación sexa presidida polo alcalde de Begonte, José Ulla Rocha e contará co alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, como vicepresidente.
Os mellores servizos para os peregrinos
Os membros que conforman a asociación avanzan que valoran levar a cabo accións máis concretas, como actividades culturais ou  de ocio para os camiñantes. As administracións locais implicadas coinciden na importancia e na necesidade de que os concellos se impliquen para ofrecer bos servizos aos peregrinos.
Tamén destacan a necesidade de que o camiño e os concellos polos que atravesan estean unidos, como así se ve nesta asociación, con representantes de todos os partidos políticos. 
Os membros explican que a asociación nace integrada por estes nove concellos, aínda que non descartan que se incorpore a iniciativa privada, se así se considera. 
Os responsables dos nove concellos adheridos asinaron hoxe a acta constituínte e volverán a reunirse no prazo dun mes cun documento de traballo no que xa se recollerán accións concretas a desenvolver  para promover o Camiño Norte da Provincia de Lugo.