O proxecto inclúe a construción dunha nave para a fabricación de pezas destinadas a maquinaria forestal, xunto a un taller anexo de reparación de vehículos.
NOTA DE PRENSA
O Goberno de Elena Candia concede a primeira licenza definitiva de obra no polígono industrial de Mondoñedo
A alcaldesa avanza a pretensión de modificar a Ordenanza de aplicación para facilitar o asentamento de novas actividades no polígono, ademais de continuar coas xestións para o abaratamento do solo
Mondoñedo, 13 de xaneiro de 2016.- A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, informou hoxe de que o Concello vén de conceder a primeira licenza municipal definitiva para a execución de obras no polígono empresarial que permitirán o desenvolvemento dun novo proxecto industrial na localidade. 
En concreto, Candia explicou que a licenza definitiva que vén de concederse ten por obxecto a construción dunha nave industrial  na parcela S-15. As actividades que se suscitan para este proxecto, ademais da edificación de dita nave, é a industrial de fabricación de latiguillos hidráulicos, destinados á maquinaria forestal, mediante un sistema de mecanizado, ademais dun taller anexo para a reparación de vehículos de automóbil. As dúas actividades encaixan dentro das autorizables como usos principais e compatibles.
A alcaldesa fixo fincapé na necesidade de poñer en valor o polígono industrial e incentivar o asentamento empresarial na localidade, polo que agarda, que a iniciativa descrita marque o inicio da localización de novos proxectos no municipio.
Ademais, o Goberno local está a realizar xestións para o abaratamento do solo industrial e a alcaldesa avanza a pretensión de modificar a Ordenanza de aplicación para facilitar o asentamento de novas empresas.