Nos primeiros días do mes de agosto do ano 1904, D. Alejo Barja Alonso, de profesión médico forense, D. José Barja Alonso, de profesión notario, e o seu curmán D. José Alonso Parga inician os preparativos para a instalación dunha farmacia na planta baixa da súa vivenda de Mondoñedo, sinalada co número 13 do Pasadizo da Praza (actual rúa de Noriega Varela). Parece ser, segundo a documentación que tivemos a oportunidade de consultar, que a súa intención era a de facer competencia ao veciño farmacéutico D. Domingo Martínez.
Con motivo das importantes obras que se acometerían na citada planta baixa da vivenda para a instalación da nova farmacia, o médico forense D. Alejo Barja Alonso vendeu algunhas propiedades coas que atender os cuantiosos gastos orixinados e encargou a D. Ramón Martínez de Insua (habilitado do clero mindoniense) a elaboración dos planos e a dirección das obras.
Ao Sr. Martínez de Insua facilitáronlle os propietarios unha parte importante das madeiras que se utilizaron na referida obra. D. Antonio Febrero García, de trinta e nove anos de idade, casado, mestre carpinteiro e veciño de Mondoñedo, executou os traballos da nova botica e D. Joaquín Montouto Pardeiro, tamén veciño de Mondoñedo, casado e de profesión pintor, puliu, vernizou e decorou as novas instalacións. Os aparatos necesarios para o novo establecemento e os produtos químicos e farmacéuticos cos que o forneceron, foron adquiridos en Alemaña, Barcelona, Valladolid e A Coruña, unha parte polos Barja e outra por quen nominalmente ía figurar á fronte do establecemento, o Sr. Piñeiro.
Segundo La Voz de Mondoñedo:“La Banda Municipal tocará al abrirse la puerta de dicha oficina de farmacia. El gusto y amor a las cosas del país, de las que tiene dado prueba el creador del nuevo establecimiento, nos hacen sospechar que alternarán con la banda algunas gaitas. Las cosas que han de sonar que suenen y lo que se debe mojar que se moje….. Hasta que no quede un hilo seco”.
Como os propietarios non estaban en posesión da titulación requirida para rexentar o citado establecemento, puxeron ao seu cargo, co soldo de dúas pesetas diarias, ao farmacéutico D. Valentín Piñero Pena, de 30 anos de idade, natural de Santiago de Compostela e de estado civil solteiro, que residía nun cuarto do segundo piso da mesma vivenda.
Ao pouco tempo de ser inaugurada a farmacia xurdiron graves desavinzas entre os propietarios e o citado D. Valentín Piñero, a quen, en certa ocasión, algún daqueles chegou a losquear. En consecuencia, este toma a decisión de abandonar a dirección do establecemento, marchar a Santiago de Compostela e poñer á venda todo o que no negocio lle pertencía.
No verán do ano 1905 chega a Mondoñedo o novo farmacéutico D. Joaquín Cunqueiro Montenegro, que procedía da Veiga de Ribadeo, onde estivera á fronte da farmacia da viúva de D. Álvaro Quiroga Garza. Nun principio tamén se atopou asalariado e durante un período de tempo residiu no mesmo cuarto que ocupara o D. Valentín.
¿Como chega D. Joaquín Cunqueiro a Mondoñedo? É de supoñer que foi por amizade con algún membro da familia Barja.
O 12 de setembro de 1905, perante o notario de Mondoñedo D. Basilio Verdía Tovía e pola cantidade de tres mil pesetas, D. Joaquín compra a D. Valentín Piñeiro os dereitos que este ostentaba na citada farmacia, a cal se achaba provista de todo o necesario, tanto polo que se refire a produtos químicos e farmacéuticos, coma polo que concirne aos aparatos esixidos polas disposicións vixentes.
Os outros farmacéuticos da poboación de Mondoñedo criticaron enerxicamente esta venda, entre eles D. Alejo Ferreiro, que era o subdelegado de Farmacia no partido xudicial de Mondoñedo, quen consideraba que o transmitido tiña un valor moito máis elevado que o consignado. D.Alejo dirixe un extenso escrito ao alcalde de Mondoñedo, do cal extraemos os seguintes parágrafos: “Cobra sueldo [D. Alejo Barja] de la Diputación Provincial como médico de la Casa Inclusa, a la vez como médico de la Cárcel del Partido, sueldos que considero incompatibles y además pretende explotar ilegalmente una farmacia. No pretendo que la escritura autorizada por el Sr. Verdía, se declare nula, lo que sí afirmo es que el traspaso de dicha botica en tres mil pesetas es simulado y otra burla con que se defraudaron los derechos de la Hacienda, pues su valor excede de veinte mil pesetas”.
Noutro apartado do mesmo escrito engade D. Alejo Ferreiro: “D. Joaquín Cunqueiro, que actualmente aparece figurando como dueño, empezó despachando en la botica, usando las etiquetas del anterior [Piñeiro] y timbrando las recetas, con un sello que decía - Farmacia Moderna- Mondoñedo sin el apellido, enterado de que en el sello debía ponerse, lo varió, suprimiendo el primer apellido de Cunqueiro y poniendo su nombre y segundo apellido según puede observarse por las recetas”.
Por último, denuncia no mesmo documento: “No es cierto que el título profesional del Sr. Cunqueiro se haya registrado en la Subdelegación. De todo esto resulta que no se ha cumplido lo dispuesto en el artículo 22 de las vigentes Ordenanzas de Farmacia y no estando autorizados los propietarios, artículos 4 y 23 para tener oficina de farmacia. Procede su clausura por ser antilegal y llamar al mismo tiempo la atención del público tan escandaloso hecho”.(1)
D. Joaquín Cunqueiro presenta o seu título de farmacéutico ante o Notario de Mondoñedo D. Basilio Verdía, que testemuña: “D. Basilio Verdía Tovía, abogado, Notario del Ilustre Colegio de Lugo, con residencia en Mondoñedo da fe: El Ministro de Instrucción Pública y Bellas Artes de que D. Joaquín Cunqueiro Montenegro, natural de Cambados, provincia de Pontevedra, de edad veinte y tres años, ha acreditado en debida forma, que reúne las circunstancias prescritas por la actual legislación para obtener el Título de Licenciado en Farmacia y hecho constar su suficiencia en la Universidad de Santiago el día 11 de junio de 1900. Por tanto de orden de S. M. El Rey (q.d.g.) y en su nombre la Reina Regente del Reino, expido este Título para que pueda ejercer libremente la profesión de farmacéutico en los términos que previenen las leyes y reglamentos vigentes. El jefe de la Sección. P. A. José Luís Retortillo. Registro general del Negociado de Títulos, folio 68, número 359. Santiago, 28 de agosto de 1900. Queda registrado este Título al folio 47, número 182, del libro correspondiente. Santiago 28 de agosto de 1900”.
Na vivenda sinalada actualmente co número 13 da Praza da Catedral residía dende o ano 1898 D. Pilar Moirón Agüeira, nacida en San Pedro de Riotorto o 4 de xaneiro de 1870, que rexentaba un pequeno comercio de lenzaría situado na planta baixa da súa vivenda, coñecido polo nome de "Géneros de Punto". Na súa compañía residían unhas mozas sobriñas súas, descendentes da familia Moirón, de Cachán (Riotorto), chamadas Dª Eugenia e Dª Josefa Mora Moirón. A primeira nacera de Burgos e a segunda de Madrid.(2)
Ás oito e media da noite do día primeiro de outubro de 1908, contraeron matrimonio publicamente na casa número 17 da Praza Maior D. Joaquín Cunqueiro Montenegro e Dª Josefa Mora Moirón. D. Joaquín, de trinta e un anos, farmacéutico, era oriúndo de Cambados (16 de xaneiro de 1877) e achábase viúvo de Dª Purificación Blanco González. Era fillo de D. Carlos Cunqueiro Mariño e de Dª Carmen Montenegro, naturais respectivamente de Vilagarcía e Caramiñal, pero veciños de Cambados. Dª Josefa, solteira, de vinte e dous anos, natural da vila de Madrid e veciña desta cidade, era filla de D. Manuel Mora Bermúdez e de Dª Carmen Moirón Agüeira, orixinarios el de Santa Marta de Meilán e esta de Riotorto, de onde foron veciños no seu día. Actuaron como testemuñas do enlace D. César González Seco (curiosamente futuro sogro do seu fillo Álvaro Cunqueiro) e D. José Cigarrán Cotilla, casados e veciños desta cidade.(3)
Nun momento dado, D. Joaquín Cunqueiro vese na obriga de abandonar o local dedicado a farmacia sito no inmoble do Pasadizo da Praza e decide trasladar a súa botica á esquina da planta baixa do pazo episcopal de Mondoñedo, que mira á emblemática Fonte Vella. O 20 de xaneiro de 1909, despois de superar numerosos contratempos, D. Joaquín Cunqueiro Montenegro abriu ao público a súa "Farmacia Moderna" no devandito local do pazo episcopal. D. Joaquín era un farmacéutico novo e gozaba xa entre os mindonienses de grandes simpatías e de acreditada escrupulosidade no despacho de fórmulas.
Ás poucas datas de celebrarse o matrimonio, os desposados fixan a súa residencia na vivenda sinalada co número 2 da rúa Méndez Núñez (actual Álvaro Cunqueiro). Do matrimonio naceron Carmen, Álvaro, Hernán José, Carlos e Joaquín. Sobrevivirían os tres primeiros, pois os dous últimos faleceron a curta idade.
D. Joaquín Cunqueiro Montenegro ocupou o cargo de alcalde do concello de Mondoñedo dende o 2 de outubro de 1923 ata o 16 de xaneiro de 1924. Formaron parte da corporación mindoniense que el presidiu D. Antonio Prieto, D. Ramón Docal, D. Santiago Méndez, D. Ricardo López, D. José Ramón López Díaz, D. Antonio Arias, D. Manuel Cantil, D. Pedro López Rojo e D. Paulino Vila.(4)
Dª Josefa Mora Moirón faleceu en Mondoñedo o ano 1931. Os membros desta recordada familia chegaron a residir durante un curto período de tempo na vivenda sinalada co número 25 da rúa Méndez Núñez, hoxe propiedade de Germán Bouso, o Carballés. No mes de marzo do ano 1933, faleceu nesta vivenda o seu fillo Carlos, que contaba soamente con 18 anos de idade. Os seus restos mortais foron levados a ombros dos seus amigos Francisco Martínez Fanego, Justo Lage, Pascual Cigarrán, Emilio Díaz Jácome, Francisco Alonso e Eliseo Iravedra. Ao pouco tempo regresa o resto da familia á vivenda que ocuparon con anterioridade.
D. Joaquín Cunqueiro Montenegro faleceu o 20 de novembro de 1941, na vivenda sinalada co número 2 da rúa Méndez Núñez de Mondoñedo.(5)
Os irmáns superviventes Cunqueiro Mora, Carmen, Álvaro e Hernán José (Pepe), cambian de residencia a mediados do ano 1949, e trasládanse á vivenda situada no Cantón Grande, sinalada co número 13, que lle deixara en herdanza a Carmen a tía da súa nai, Dª Piar Moirón Agüeira.(6)
Con todos estes datos achegados da presenza da familia Cunqueiro en Mondoñedo, a maioría deles practicamente descoñecidos para os mindonienses actuais, queremos recordar a estanza entre nós, durante practicamente un século, desta familia tan querida e recordada. Coa desaparición de Dª Carmen Cunqueiro Mora no ano 2006, último membro da familia, desaparece da poboación Mondoñedo o apelido Cunqueiro e posteriormente a súa propiedade ao ser vendida a súa vivenda por un dos seus sobriños (César).
(1) Arquivo do Concello de Mondoñedo, obras e servizos, carpeta 2404.
(2) Arquivo do Concello de Mondoñedo, carpeta 1634, censo de poboación do ano 1906.
(3) Arquivo Diocesano de Mondoñedo, libro 13 de casados da parroquia de Santiago, folio 279.
(4) Arquivo do Concello de Mondoñedo, libro de actas.
(5) Rexistro civil de Mondoñedo, sección terceira, tomo 53, páxina 345.
(6) Arquivo do Concello de Mondoñedo, censo de poboación do ano 1950.
ANDRÉS GARCÍA DOURAL - Mondoñedo
NOTA: LAS OPINIONES VERTIDAS EN ESTE ESPACIO SON DE EXCLUSIVA RESPONSABILIDAD DE SUS AUTORES Y NO REPRESENTAN NECESARIAMENTE LA OPINIÓN DEL EDITOR.
Para publicar un artículo firmado en esta sección escribir a:Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.
NOTA: LAS OPINIONES VERTIDAS EN ESTE ESPACIO SON DE EXCLUSIVA RESPONSABILIDAD DE SUS AUTORES Y NO REPRESENTAN NECESARIAMENTE LA OPINIÓN DEL EDITOR.
Para publicar un artículo firmado en esta sección escribir a: